Filtran as guías de moderación de Facebook

luns, 22 de maio do 2017 Marcus Fernández

Nos últimos meses non son poucos os casos polémicos nos que se veu envolto Facebook por mor da súa pasividade ante a emerxencia de contidos pouco apropiados, que en moitos casos chegaron a ser de violencia extrema (como asasinatos en directo), pero as recriminacións a Facebook están lonxe de rematar, especialmente despois de que The Guardian publicase unha masiva filtración de manuais internos de Facebook no que explican como actuar ante contidos como o sexo, o terrorismo ou a violencia.
Se ben resulta evidente que moderar a unha comunidade de 2.000 millóns de usuarios non é unha tarefa doada, non parece que Facebook teña moi claro o que é unha actuación axeitada ante violencia, discursos de odio, terrorismo, pornografía, racismo ou incluso perigo de suicidio, especialmente se atendemos aos máis dun cento de manuais e documentos aos que puido acceder The Guardian, alcumados como o Facebook Files, e que son criticados principalmente pola súa falta de transparencia, xa que as condicións de uso de Facebook son moi ambiguas, mentres que as normas coas que traballan os moderadores da plataforma son moi específicas, aínda que como principal atranco teñen a falta de recursos destinados á moderación (hai casos nos que teñen apenas 10 segundos para decidir se unha imaxe pode ou non publicarse).
Entre a documentación filtrada podemos ver cousas como que os xefes de estado teñen unha protección especial (de forma algo que puidese considerarse unha ameaza debe eliminarse... pero teñen criterios moi curiosos para distinguir críticas agresivas de ameazas de morte), que os vídeos de mortes violentas non deben borrarse sempre (en ocasións chegará con marcalos como molestos, para advertir ao usuario antes da súa reprodución), que as imaxes de abusos (non sexuais) a menores non deben eliminarse agás que conten con elementos sádicos ou que fagan apoloxía de tal comportamento, que as fotografías de abusos animais poden compartirse e só marcaranse como molestos os contidos extremadamente gráficos, que as creacións gráficas que inclúan espidos estarán permitidas se están feitas a man (pero non se están xeradas por ordenador), que permitirán as retransmisións de vídeo en directo con persoas que poderían infrinxirse dano a si mesmas para non «non censurar ou castigar a xente anguriada» ou incluso que fixan en 100.000 o número de seareiros a partires dos que unha persoa está considerada unha figura público (de xeito que perdería a protección plena da que gozan os particulares).
Calquera que revise estas normas, por exemplo, dende o punto de vista dun europeo, atopará unha tolerancia excesiva ante o abuso a menores e animais, aos discursos de odio e á violencia, mentres que a sensibilidade sobre o sexo e os espidos parece excesiva, pero resulta evidente que este parecer mudaría se consultamos a usuarios doutros currunchos do planeta.
Como curiosidade, The Guardian publica un xogo no que convídanos a tentar predicir como actúan os moderadores de Facebook ante 16 imaxes entre as que sorprende un vello retoque fotográfico no que podía verse ao cadáver de Manuel Fraga nun cadaleito (e que circulara pola Rede moitos meses antes do pasamento do político galego).

Os criterios de Facebook ante o maltrato animal son sumamente discutibles

PUBLICIDADE