Filtran imaxes do que sería o novo portátil convertible de Sony

martes, 28 de agosto do 2012 Marcus Fernández

De cara ao lanzamento de Windows 8 moitos son os fabricantes que están a preparar equipos listos para tirar proveito das súas posibilidades, que é de agardar que adopten características que permitan destacar fronte ao Surface de Microsoft, e dende PocketNow dan pistas sobre por onde van os tiros, e publican unhas imaxes filtradas do que sería o Sony VAIO Duo 11, ordenador convertible que funcionará como un tablet, pero que agocha un mecanismo para descubrir un teclado retroiluminado para facer as funcións de ordenador portátil.
Aínda non se coñecen as especificacións deste equipo, pero polo que pode verse, parece que estariamos ante un ordenador con Windows 8 e non un tablet limitado con Windows RT, que permitiría o uso de stylus sobre a súa pantalla e que sorprendería por non ter o teclado como accesorio externo opcional, senón como unha peza integrada.

Ao estar pechado o Sony VAIO Duo 11 funcionaría como un tablet

PUBLICIDADE