Fíltranse imaxes dun smartphone de HTC cunha cámara frontal de 13 Mpíxeles

luns, 6 de outubro do 2014 Marcus Fernández

Vese que algúns fabricantes están a tomar moi en serio o fenómeno das auto-fotos, e é de agardar que nos vindeiros días poidamos ver a presentación oficial do HTC Desire Eye, un smartphone con pantalla Full HD de 5,2 polgadas, procesador Qualcomm Snapdragon 801 de catro núcleos a 2,3 GHz, 2 Gb de RAM, 32 Gb de almacenamento interno, resistencia á auga (IPX7) e batería extraíble de 2.400 mAh que non destacará especialmente se non fose porque tanto a súa cámara frontal como a traseira teñen unha resolución de 13 Mpíxeles, converténdose no que definen como o “teléfono selfie definitivo”.
Para incidir nesta vocación polas auto-fotos podemos ver que este novo smartphone incluso incorpora flash na súa cámara frontal, de feito que pese a que estamos ante un dispositivo de gama media (que é de agardar que teña un prezo bastante axustado), cóidase moito o apartado fotográfico.
É posible que este produto se presente oficialmente o vindeiro mércores, cando tamén se agarda a presentación de RECamera, a resposta de HTC ás cámaras deportivas tipo GoPro.

PUBLICIDADE