Fíltranse os novos auriculares sen fíos de Xiaomi

venres, 23 de novembro do 2018 Marcus Fernández

Nas imaxes filtradas dos Mi True Wireless podemos ver un deseño moi semellante ao dos AirPods de Apple

A primeiros de mes fixeron bastante ruído os novos auriculares sen fíos de Xiaomi, os AirDots, que polo seu nome algúns describían como a versión económica dos AirPods, xa quen vendíanse por uns 25 euros (moi lonxe dos 179 euros dos auriculares de Apple), aínda que os deseños de ambos produtos eran radicalmente distintos, pero finalmente Xiaomi si comercializará uns auriculares comparables aos da compañía da mazá segundo vén de filtrarse a través da FCC, amosando imaxes do produto, o seu manual de uso para o mercado estadounidense e incluso resultados das probas realizadas ao produto antes da súa comercialización.
Os auriculares Mi True Wireless presentan unha aparencia exterior moi semellante aos AirPods, incluso no deseño do seu estoxo de carga, pero ten diferenzas moi importantes, e a favor do dispositivo de Xiaomi, xa que os auriculares incorporan un segundo micrófono para a cancelación de ruído, a parte do auricular que se introduce no ouvido ten capuchóns de silicona intercambiables (incluíndo 3 pares de distintos talles) e incluso pode salientarse que a carga realízase a través de USB-C.
A parte exterior dos auriculares é táctil, de xeito que cun dobre toque pode responderse unha chamada. Cando se escoita música con ambos auriculares postos o dobre toque no auricular dereito reproducirá/pausará a música, mentres que se facemos o mesmo no auricular esquerdo invocaremos ao asistente de voz que empreguemos no teléfono. Se retiramos un dos auriculares dunha orella tamén se pausará a reprodución.
Premendo sobre calquera dos auriculares durante 3 segundos durante a reprodución musical poderá activarse/desactivarse a función de cancelación de ruído activa.
Os Mi True Wireless comunícanse por Bluetooth 4.2, poden cargarse nunha hora, e cada auricular por separado ten unha autonomía de 3 horas, aínda que mediante o uso do estoxo de carga a autonomía total chegaría até as 10 horas.
O feito de que Xiaomi teña prevista unha presentación dos EE.UU. o vindeiro 8 de decembro dá a entender que podería ser o momento no que este trebello vese a luz publicamente.

PUBLICIDADE