Fíltranse os produtos que presentará Samsung o 11 de agosto

luns, 12 de xullo do 2021 Marcus Fernández

Está previsto que o vindeiro 11 de agosto Samsung celebre o seu vindeiro Unpacked, evento de presentación que levan anticipándose durante tantos meses que xa acumula un volume de filtracións tal que deixará poucas sorpresas, e que podemos entender que se celebra a esa altura do ano simplemente para non adiantarse demasiado á chegada dos produtos ás tendas nun ano moi complicado para a produción en masa.
A última filtración de Evan Blass deixa ver dende todos os ángulos os produtos que presuntamente presentará Samsung nas súas diferentes cores, como serían os agardados encartables de Samsung nas súas novas versións, que poderían ser as que as consolidasen como produtos, xa que manteñen o seu deseño básico, pero inclúen pequenas melloras que os fan máis atractivos, como é o feito de que o Samsung Galaxy Z Fold3 vaia incorporar soporte para S Pen (o que supón realmente un paso de xigante, que me supón unha fusión coa familia Note e, de feito, podería considerarse que sería o terminal que collería o seu relevo no futuro) e mude lixeiramente o seu deseño de cámaras (o bloque de cámaras traseiras sería máis estreito e a cámara frontal sería case invisible) mentres que o Galaxy Z Flip3 tería algo máis grande a súa pantalla externa (facendo algo máis práctico o móbil cando está pechado).
Aparte dos smartphones encartables tamén poderían presentarse o Samsung Galaxy S21 FE (móbil que había temores de que non puidese comercializarse polos tan comentados problemas de abastecemento de semicondutores), o Samsung Galaxy Watch4 (smartwatch que daría o salto de Tizen a Wear, o sistema operativo de Google) e incluso veríamos uns Samsung Galaxy Buds 2.
De confirmarse estas filtracións estariamos ante unha presentación que contrastaría por ser unhas que menos sorpresas garda á vez que pasaría á historia como unha das máis completas, ofrecendo realmente moitas novidades e de grande interese, deixando constancia que Samusng está a ser o único fabricante que se atreve a apostar decididamente polos produtos con pantallas encartables, mentres que os seus competidores limítanse a presentar prototipos ou a realizar producións insignificantes dos seus produtos nesta liña.

As imaxes filtradas por Evan Blass practicamente adiantarían todas as novidades que presumiblemente presentará Samsung o 11 de agosto

PUBLICIDADE