Fíltrase á Rede o xogo The Legend of Zelda: Echoes of Wisdom
luns, 23 de setembro do 2024
O ano pasado puidemos ver como o xogo The Legend of Zelda: Tears of the Kingdom para Nintendo Switch filtrábase á Rede antes do seu lanzamento, levando a milleiros de xogadores a descargalo para afondar na súa historia anticipadamente, para o que moitos tiraron proveito de emuladores (levando incluso a que os creadores do emulador Yuzu tivesen que compensar economicamente a Nintendo).
Agora a historia repítese, e The Legend of Zelda: Echoes of Wisdom, que non chegará ás tendas até o vindeiro xoves, circula libremente pola Rede dende o pasado sábado, o que provoca non só que se estea pirateando o título, senón tamén que se estraguen as sorpresas para os incondicionais da franquía, que poden atopar accidentalmente vídeos e imaxes do xogo que desvelen detalles importantes antes da súa saída.
Polo momento non se coñece a orixe da filtración, pero o que si compre recomendar aos que pretendan facerse cunha copia legal do xogo é fuxir de publicacións en liña sobre o mesmo durante os vindeiros días, para evitar so temidos spoilers.
Vídeo promocional do xogo