Fíltrase o calendario de lanzamento do iPhone 17

martes, 5 de agosto do 2025 Redacción

Tim Cook durante a posta á venda do iPhone 16

Apple manterá a súa tradición de setembro cun novo evento especial que, segundo fontes do sector das telecomunicacións en Alemaña, terá lugar o martes 9 de setembro. A cita servirá para dar a coñecer oficialmente a nova xeración de iPhones, que chegarán ao mercado unha semana despois, o 19 de setembro.
O calendario previsto repite o esquema doutros anos: a presentación terá lugar un martes, o prazo de reservas abrirase o venres seguinte e, sete días máis tarde, os primeiros dispositivos chegarán ás mans dos clientes. O lanzamento será global e afectará os principais mercados: Estados Unidos, China, Europa e Xapón.
Este ano, ademais do iPhone 17 e das versións Pro e Pro Max, todo apunta á incorporación dun novo modelo denominado iPhone 17 Air, que destacaría por un deseño especialmente fino. Segundo os rumores, esta nova variante viría a substituír o modelo Plus, que quedaría fóra do catálogo. No plano estético, espéranse cambios na parte traseira do dispositivo e unha reorganización do módulo de cámaras.
Ademais dos novos iPhones, Apple aproveitaría o evento para renovar outras liñas de produto. Espérase a presentación da terceira xeración dos AirPods Pro e de novos modelos do Apple Watch.