Fíltrase o código fonte dunha parte crucial de iOS

xoves, 8 de febreiro do 2018 Marcus Fernández

O código fonte de iBoot, un dos elementos críticos do sistema operativo móbil de Apple, publicouse de xeito anónimo en GitHub, e aínda que Apple solicitou a súa eliminación, iso supuxo a confirmación da súa autenticidade, o que podería supor un serio problema para a seguridade de iOS, xa que a análise do código facilitará a localización de vulnerabilidades, aínda que cómpre detallar que non falamos dunha versión actual, senón da correspondente a iOS 9, ou sexa, que é unha versión vella do sistema operativo, polo que o impacto da filtración do código podería ser menor da que algúns esperan.
Confíase en que a publicación de iBoot facilite a realización do jailbreak de iOS, pero dende Apple xa apuntaron que a seguridade dos seus produtos non depende da ocultación do seu código, senón que teñen numerosas capas de protección tanto de software coma de hardware, de aí que sempre insten aos usuarios a empregar a última versión do software, conseguindo así o maior nivel de seguridade posible.

PUBLICIDADE