Fíltrase unha base de datos con información de millóns de influencers

luns, 20 de maio do 2019 Marcus Fernández

Un investigador de seguridade, Anurag Sen, descubriu unha base de datos con información de contacto de millóns de usuarios de Instagram, entres que figuran numerosos influencers, famosos e marcas, que estaba dispoñible publicamente en servidores de Amazon Web Services. Esta base de datos, con máis de 49 millóns de rexistros, incluía información pública de contas como a biografía, a fotografía de perfil e o número de seareiros pero, se as contas estaban verificadas tamén incluía a localización xeográfica e incluso información de contacto privada, como o número de teléfono ou o enderezo de correo electrónico.
Sen tratou de localizar ao responsable desta base de datos para instar á súa protección, para o que contactou con TechCrunch, e conseguiron localizar como fonte a empresa de marketing en liña Chtrbox, con sede en Mumbai, que paga a influencers para publicar contido patrocinado dende as súas contas. Na base de datos expostas figuraría tamén un rexistro que indicaría o valor de cada conta en función do número de seareiros e o alcance que conseguen, métrica que definiría o que a compañía paga ás celebirdades e influencers por cada publicación.
Dende TechCrunch confirmaron varios dos datos de contacto privados recollidos na base de datos, e curiosamente en varias ocasións os afectados non tiñan ningún tipo de relación con Chtrbox, o que resulta especialmente alarmante, xa que semella que a compañía aproveitou algún fallo de seguridade en Instagram para facerse con información que debería ser privada. Coñecedoras da situación dende Facebook aseguran ter reclamado a Chtrbox unha explicación para saber de onde procede a información persoal que expuxeron accidentalmente (e que actualmente está protexida).

PUBLICIDADE