Fíltrase unha versión de proba do futuro Windows 11

mércores, 16 de xuño do 2021 Marcus Fernández

O vindeiro día 24 está previsto que Microsoft celebre un evento para presentar novidades sobre Windows, o que numerosas fontes entendían que se trataría da presentación de Windows 11, pese a que Microsoft sostén até o momento que Windows 10 sería un sistema operativo que se mantería a longo prazo en vez de seguir o ritmo de cambio de nomenclatura cada poucos anos.
Pero o ruxerruxe que apuntaba a un cambio de nome do sistema operativo de Microsoft tornou pronto en confirmación non oficial, xa que filtrouse unha versión de Windows 11, que correspondería a unha versión de proba bastante preliminar, que deixa ver un sistema que, aparte de mudar de nome, adoptaría moitos dos elementos de interface de usuario que Microsoft tiña previsto introducir en Windows 10X, sistema operativo que decidiron cancelar.
Espérase que tras a presentación abran as probas de Windows 11 a un grupo de usuario reducido, para que durante o verán poidan comprobar o bo funcionamento do sistema en numerosas condicións para que o sistema operativo poida facerse oficial no mes de outubro (aínda que non falta quen pensa que o lanzamento non tería lugar até o ano que vén).
Estes rumores tamén aseguran que a actualización de Windows 10 a Windows 11 sería completamente de balde, algo que non sorprende, xa que basicamente estariamos ante un cambio na interface de usuario, con fiestras con esquinas redondeadas e animacións máis suaves e a posibilidade de colocar o menú de inicio centrado na barra de tarefas. O menú de Inicio tamén mudaría o seu deseño (eliminando o mosaico de aplicacións), así como algunhas aplicacións verían alterada a súa estética, ou sexa, que Windows 11 consolidaría cambios estéticos no sistema operativo nos que Microsoft leva moitos meses traballando, e que poderían parecer demasiado drásticos para unha actualización ordinaria de Windows 10.

Vídeo no que podemos ver en funcionamento o futuro Windows 11

PUBLICIDADE