Fina Paulos, Óscar Rey e Medulia Editorial lanzan un libro en galego que nos achega á realidade da IA

xoves, 28 de novembro do 2024 S. P.

O selo Medulia Editorial vén de enriquecer o panorama de publicacións en galego centradas no eido tecnolóxico co libro Intelixencia Artificial para a sociedade, unha obra pioneira que abre as portas do mundo da IA á cidadanía galega, escrito integramente en galego por Fina Paulos Lareo e Óscar Manuel Rey Calo.
O seu obxectivo é “democratizar o acceso ao coñecemento sobre unha das tecnoloxías máis revolucionarias do noso tempo”, segundo adiantan Fina e Óscar, profesionais cunha ampla experiencia en innovación educativa e no uso ético das ferramentas con capacidade de avaliar informacións inxentes, comunicarse, aprender e tomar decisións.
Ao longo dos anos, participaron en proxectos destinados a fomentar o impacto positivo da IA na sociedade, promovendo valores como a igualdade, o respecto pola diversidade e a ética no manexo destas ferramentas. Inspirados pola necesidade de achegar a IA a todas as persoas, os autores estruturaron o libro para “guiar o lector dende conceptos básicos ata aplicacións prácticas, sempre cun enfoque accesíbel e motivador”, e complementándoo cunha profunda reflexión sobre os desafíos éticos, sociais e legais que esta tecnoloxía implica.
O libro combina capítulos teóricos que explican a evolución e as aplicacións da IA con actividades prácticas que permiten ao lector experimentar coas súas posibilidades.
Inclúe temas como: ética e responsabilidade na IA; a IA xerativa de texto, imaxes, son e chatbots; e a aplicacións da IA na educación, sanidade, medio ambiente. Os autores indican que “esta obra xurde dende o ámbito educativo, por iso Intelixencia Artificial para a sociedade “é unha ferramenta útil para o profesorado e alumnado que desexe incorporar estas tecnoloxías nas súas aulas”, indican, salientando que se trata “dunha guía práctica para profesionais de diversos sectores e calquera persoa interesada en iniciarse na IA para o seu uso cotián”.
Un proxecto pioneiro en galego grazas a Medulia Editorial
Como dixemos a obra vén da man de Medulia, que reafirma con este lanzamento o seu compromiso coa promoción da lingua galega e a difusión de coñecemento de calidade. “Desde a coidadosa edición ata o deseño e ilustracións, o libro reflicte unha aposta pola innovación e pola identidade cultural galega”, explican dende o selo editorial galego, engadindo que “Intelixencia Artificial para a sociedade nace coa intención de apoderar á cidadanía galega para afrontar os retos e oportunidades que esta tecnoloxía implica”.
O libro xa está dispoñíbel nas principais librarías de Galicia e na web de Medulia Editorial.