Fina Paulos e Óscar Manuel Rey, finalistas dos Premios Educa Abanca 2025 grazas ao seu compromiso coa IA inclusiva nas aulas

xoves, 16 de outubro do 2025 S. P.

Os profesores Fina Paulos Lareo e Óscar Manuel Rey Calo, do IES Maximino Romero de Lema (Baio-Zas, A Coruña), veñen de ser seleccionados como finalistas entre os 10 mellores docentes de España na convocatoria dos IX Premios Educa Abanca 2025 Mellor Docente de España (os denominados “Goya da Educación”). Fina participa na categoría de Educación Secundaria e Bacharelato, mentres que Óscar concorre na categoría de Formación Profesional. Centran boa parte do seu traballo na Intelixencia Artificial e de como tirarlle o máximo partido na educación, e dunha maneira inclusiva, práctica, creativa, respectuosa e segura.
Segundo puidemos saber, son os únicos docentes galegos que acadaron estar entre os dez primeiros nas súas correspondentes categorías. Este recoñecemento ten, para ambos, un valor especial, “non só porque supón unha visibilidade estatal, senón porque é o alumnado do propio centro quen os nomeou recoñecendo así o seu labor docente, a dedicación e a aposta pola innovación educativa que acompañan o seu quefacer diario”.
Fina Paulos Lareo naceu en Santa Marta de Babío (Bergondo, A Coruña) e reside en Perillo (Oleiros). É profesora da especialidade de Informática no IES Maximino Romero de Lema, onde destaca pola súa aposta continua da integración da intelixencia artificial e das metodoloxías activas nas aulas. Na pasada edición (2024) destes premios, Fina xa acadou o segundo posto coma Mellor Docente de España na categoría de Secundaria e Bacharelato, e na edición de 2018 logrou tamén o 2º posto na categoría de Formación Profesional
Ademais, Fina é coautora, xunto con Óscar Rey, dos libros Inteligencia Artificial en el aula da Editorial Garceta e Intelixencia Artificial para a sociedade de Editorial Medulia, que se publicaron con vocación de servir de guía para docentes, alumnado e familias no uso ético, inclusivo, responsable e práctico da IA nos procesos educativos e na sociedade en xeral. Participou tamén como autora no proxecto “Desenvolvemento e ferramentas de IA no ámbito educativo” promovido pola OEI (Organización de Estados Iberoamericanos) e publicou diversos artigos sobre IA e educación. Participa activamente na formación doutros docentes no ámbito da IA.
Nos seus proxectos docentes promove iniciativas que conectan o ámbito local, a cultura galega e os valores sociais. Recupera e pon en valor os oficios tradicionais, impulsa propostas audiovisuais que fomentan a reflexión sobre a diversidade, a igualdade e a memoria, e integra a IA como ferramenta para garantir un acceso adaptado, inclusivo e personalizado na aprendizaxe.
Á súa vez, Óscar Rey Calo, naceu en Cee, se ben viviu en Corme ata que a vida o levou para Fisterra. Desenvolve o seu labor docente no mesmo instituto, centrándose especialmente en proxectos de tecnoloxía aplicada, ferramentas dixitais, establecendo o vínculo coa realidade social do entorno rural. Así coordinou diversos proxectos co alumnado cos que acadou diferentes recoñecementos tanto a nivel autonómico coma nacional, por exemplo o proxecto premiado polo Ministerio de Educación Una Constitución para todos, que ten como propósito fomentar o coñecemento, a importancia e a comprensión dos principios democráticos, dereitos fundamentais e valores que recolle a Carta Magna. Grazas a unha peza audiovisual levada a cabo polo seu alumnado empregando diferentes ferramentas tecnolóxicas, acadou o primeiro premio.
Óscar traballa con Fina na aplicación da IA dentro das metodoloxías activas, co obxectivo de que a tecnoloxía non sexa un fin senón unha ferramenta ao servizo da inclusión, da personalización e da aprendizaxe significativa. Nas súas redes sociais destacan proxectos como Namórate do rural, unha iniciativa para recuperar tradición oral e cultura local con alumnado de 3º da ESO, na que se compaxina patrimonio, tecnoloxía e participación comunitaria.
Óscar entende este recoñecemento como “unha homenaxe á entrega cotiá da docencia nun centro do rural galego, onde a proximidade co alumnado é esencial”. Destaca que “premios coma este axudan a poñer en valor o esforzo compartido do profesorado, do alumnado e da comunidade educativa en xeral, sen esquecer as familias, visibilizando o compromiso e o potencial transformador da educación en contornos próximos, humanos e profundamente vinculados ao territorio”.
Fina e Óscar traballan cos seus grupos de alumnado a través de proxectos, intentando sempre favorecer a atención personalizada. Utilizan o Deseño Universal para a Aprendizaxe (DUA), a aprendizaxe servizo e metodoloxías por proxectos que implican, din, “que o produto final transcenda o instituto e teña impacto social.
Entre os proxectos desenvolvidos destacan iniciativas como Miño en xogo (un xogo educativo que combina tradición e tecnoloxía, integrando sensores NFC, IA, almacenamento na nube, edición de vídeo e audio, así coma a radio escolar e a cortadora láser, para ensinar o patrimonio inmaterial, a diversidade e os valores galegos), Precursoras na loita pola igualdade (unha peza audiovisual na que mediante a creación de deepstories de grandes figuras femininas como Clara Campoamor e Emilia Pardo Bazán, visibilízase o seu papel na loita pola igualdade usando ferramentas de IA), A maxIA da poesía nunha canción (transformando poemas de Rosalía e Manuel María en cancións mediante IA, promovendo a literatura galega e a creación artística), DesexarIA (sistema de comunicación para persoas con parálise cerebral, baseado en vídeo e IA, para favorecer a autonomía e promover a inclusión), Maxiconecta.NFC (destinado a favorecer a comunicación a persoas con parálise cerebral), MemorIA (un proxecto no que se traballou cunha persoa con alzhéimer para, mediante una aplicación feita con IA, darlle independencia na realización de certas tarefas cotiás), O cabazo da memoria (recentemente presentado ao concurso interxeneracional Argallando.gal, promovido polo CPEIG e AMTEGA, onde se deu vida a fotografías dos nosos avós e avoas mediante ferramentas de IA para dar a coñecer a vida no rural no século pasado) ou Párao, actúa (documental sobre a loita contra a violencia de xénero, e que é finalista nos Premios Fouciño desta edición 2025).
Chegar aos dez finalistas é para Fina e Óscar un motivo de satisfacción e orgullo: “Chegar ata aquí
xa é un éxito”, afirman. Son conscientes de que os Premios Educa Abanca reciben centos de candidaturas de todo o Estado, e estar entre os 10 seleccionados xa supón un recoñecemento a todo o seu traballo no eido educativo.
O fallo definitivo coñecerase durante a gala que se celebrará o 31 de xaneiro de 2026 en Santiago de Compostela. Nesa xornada darase a coñecer o nome do Mellor Docente de España 2025 en cada categoría, seguindo unhas valoracións baseadas en criterios pedagóxicos, innovación, impacto no alumnado e proxección social, que xa situaron que Fina e Óscar se atopen entre os 10 mellores docentes de España.