Final Cut Pro 11 incorpora funcións baseadas en IA

xoves, 14 de novembro do 2024 Marcus Fernández

Levamos uns anos nos que os usuarios da aplicación de edición de vídeo para macOS Final Cut Pro se sentían abandonados por Apple, ao non contar esta ferramenta coas numerosas novidades que integraban os seus competidores máis directos (Adobe Premiere Pro e DaVinci Resolve) e, de feito, está a producirse unha importante fuga de usuarios de Final Cut ao software de Blackmagic Design até o punto de que o DaVinci é para moitos o editor de vídeo de referencia para Mac e iPad.
Pero finalmente chega o Final Cut Pro recibe unha grande actualización, chegando á súa versión 11, con funcións e melloras moi importantes, especialmente no que se refire á incorporación de funcionalidades baseadas en IA.
Final Cut Pro 11 conta agora cunha nova máscara magnética mellorada con IA que illa de xeito doado as persoas, obxectos e figuras do fondo sen precisar unha pantalla verde nin ter que empregar pesadas técnicas de rotoscopia ou de seguimento manual; permite a creación automática de subtítulos mediante a transcrición automática (cun potente modelo de linguaxe con IA); ofrece por fin soporte para o vídeo espacial de Apple Vision Pro (que pode gravarse no móbil dende o iPhone 15 Pro); e tamén inclúe numerosas melloras do fluxo de traballo.
Queda agora por ver se esta inxección de novidades en Final Cut Pro axudan a que a aplicación deixe de perder usuarios ou, como mínimo, reduza o ritmo da sangría actual.