Final Fantasy V estrea versión para iPhone e iPad

luns, 1 de abril do 2013 Marcus Fernández

O popular xogo que Square lanzou en 1992 para Super Nintendo, Final Fantaxy V, súmase á serie de títulos da saga que dá o salto a plataformas móbiles estreándose na App Store por 14,49 euros como aplicación universal (para iPhone e iPad). Estamos ante o primeiro título da saga que superou os 2 millóns de unidades vendidas (pese a lanzarse inicialmente só no Xapón), que supuxo a evolución do sistema de traballo de Final Fantasy III, contando tamén con opcións de personalización de personaxes inéditas na saga, xunto cuns expresivos modelados 2D que nesta revisión chegan totalmente remasterizados e optimizados para dispositivos móbiles.
Final Fantasy V para iOS tamén presenta un sistema de control intuitivo e sinxelo, inclúe todos os contidos (traballos e alxubes) que se engadiron ao xogo no seu remake de 2006 para Game Boy Advance e é compatible con Game Center.
Neste xogo haberá que conducir a 4 heroes na súa aventura para salvar ao mundo da súa destrución. Temos así ao viaxeiro Bartz (acompañado polo seu fiel chocobo), a princesa Lenna, o ancián Galuf e o capitán pirata Faris; personaxes tan peculiares como carismáticos que axudaron a que esta entrega de Final Fantasy deixase pegada.


Trailer da versión para iOS de Final Fantasy V

PUBLICIDADE