Final Fantasy VII Remake deixa ver o seu gameplay en vídeo

luns, 7 de decembro do 2015 Marcus Fernández

A pasada fin de semana Sony celebrou a PlayStation Experience 2015, un evento chamado a presentar futuras novidades para a PlayStation 4, creando así confianza en futuros compradores, que en moitos casos ven como nesta campaña de Nadal a consola de Sony chega cun catálogo de exclusividades moi frouxo, situación que promete mudar a comezos de 2016, cando a PS4 comeza a recibir importantes títulos no que podería considerase o comezo da súa consolidación como consola de nova xeración.
Precisamente coa vista posta no futuro foi o xogo que captou máis atención do evento, o remake de Final Fantasy VII, que xa fora a estrela de Sony na pasada edición do E3, e que confirma o seu interese. Así, esta fin de semana este xogo destacou por partida dobre, xa que mentres na PlayStation Experiencia estreou o seu primeiro tráiler de adianto co xogo en acción, a PlayStation Store recibiu en formato descargable unha conversión da última versión do xogo para PC, que pode mercarse por 10,99 euros (prezo especial até o vindeiro día 12), e que permitirá que os ansiosos poidan recuperar o título orixinal moitos meses antes de que estea listo o remake.
O vídeo de adianto do Final Fantasy VII Remake permítenos ver como o novo xogo estará máis orientado á acción que o orixinal (adaptándose aos gustos dos xogadores actuais) á vez que ofrecerá uns gráficos de impresión. Iso si, os responsables do xogo queren deixar claro que a aparencia final do xogo pode distar considerablemente das que vemos agora, xa que ao xogo aínda lle queda moito tempo de desenvolvemento.
Cómpre destacar que aínda que a promoción deste xogo estea moi ligada á marca PlayStation, polo momento só se confirmou que a PS4 recibirá este título en primicia, polo que é de agardar que remate contando con versións para PC e Xbox One (aínda que meses máis tarde que a consola de Sony).

Tráiler de Final Fantasy VII Remake estreado na PlayStation Experience 2015

PUBLICIDADE