Final Fantasy XIII para Xbox 360 ocupará 3 discos

martes, 2 de febreiro do 2010 Marcus Fernández

No Xapón leva unhas semanas vendéndose o xogo Final Fantasy XIII para PlayStation 3, pero en Europa poderemos velo nas tendas a partires do 9 de marzo, tanto para PS3 como para Xbox 360, existindo unha grande incógnita sobre esta última versión, que vén de ser desvelada pola web de venda de videoxogos GameFly, na que aseguran que ocupará 3 discos, información que confirmaron fontes de Square Enix en EE.UU.
Que a versión de Xbox 360 teña que publicarse en 3 discos mentres que a de PS3 estea en só 1 é debido á diferenza de capacidade entre os discos DVD e Blu-ray, pero non sería algo tan extraordinario como algúns queren entender, pois algún xogo de 360 coma Blue Dragon ou Lost Odyssey xa viñan en 3 discos, e incluso habería que lembrar que no seu día Final Fantasy VII (para a primeira PlayStation) publicárase en 3 discos.

PUBLICIDADE