Final Fantasy XIV Online inicia a súa beta aberta para PS5

luns, 12 de abril do 2021 Marcus Fernández

O xogo Final Fantasy XIV Online inicia a súa beta aberta para PlayStation 5, versión que integra numerosas melloras para aproveitar as bondades da nova consola de Sony e que conectará cos mesmos xogadores que a versión de PlayStation 4 e outras plataformas dispoñibles, ou sexa, que durante as probas poderase gozar dos mesmos servidores de xogo que o título comercial.
A beta de Final Fantasy XIV Online desenvólvese pola inxente cantidade de contido existente para o xogo, de xeito que, de non detectarse ningún problema crítico, realizarase directamente a transición ao servizo oficial. Cando rematen as probas animarase aos novos xogadores a trasladarse á versión completa do xogo, que conservará os personaxes e progresos adquiridos durante as probas, nas que permiten gozar de A Realm Reborn e o primeiro paquete de expansión, Heavensward, até o nivel 60.
O xogo para PlayStation 5 permite que o xogador elixa entre 3 resolucións de pantalla (2.160p, 1.440p e 1.080p) de xeito que as dúas resolucións menores correrían a 60 imaxes por segundo, mentres que a versión en 4K moveríase a 40 imaxes por segundo, que en calquera caso sería maior taxa de fotogramas que a versión para PlayStation 4. Nos momentos con maior carga de renderizado o xogo aspira a superar os 30 fotogramas por segundo. A nivel sonoro o xogo tamén mellor, incorporando audio 3D para unha maior inmersión.
Os usuarios actuais de Final Fantasy XIV Online para PlayStation 4 poderán pasar á versión de PlayStation 5 sen custo adicional, mentres que os novos no xogo poden acceder á súa versión de proba de balde, que agora tamén está dispoñible para PlayStation 5.

PUBLICIDADE