Final Fantasy XIV suspende as súas vendas pola avalancha de usuarios das últimas semanas

venres, 17 de decembro do 2021 Marcus Fernández

A chegada da nova expansión de Final Fantaxy XIV chamada Endwalker foi tal éxito que provocou unha considerable conxestión nos servidores deste xogo en liña, o que parecía un problema que se limitaría a unhas poucas horas como acontece con outros lanzamentos do estilo, pero desta volta os problemas están a durar bastantes días, polo que os seus creadores están a adoptar medidas excepcionais como compensar aos xogadores ampliando as súas subscricións e incluso chegando a suspender as vendas dixitais e físicas do xogo.
Actualmente os usuarios que teñen contas de proba ao xogo só poden conectarse nas horas de menos conxestión, e dende Square Enix mudaron o xeito de xestionar as colas de entrada, prepararon distintos parches que distribuirán nos vindeiros días, procederon a incrementar os recursos dos servidores do xogo (planificando un importante incremento no número de servidores para atender a usuarios de EE.UU. e Europa) e, en definitiva, están a mitigar os problemas que foron xurdindo ante un incremento esaxerado de xogadores, deixando claro unha vez máis que no xogo en liña é moi doado morrer de éxito.
As medidas adoptadas nos últimos días deberían paliar a situación en breve, o que é crucial para o xogo, xa nos vindeiros días haberá moitos usuarios que poderán gozar de días de descanso co gallo do Nadal, o que pode incrementar o interese polo xogo e unha mala experiencia nestas datas pode afectar negativamente á percepción do título a longo prazo.

PUBLICIDADE