Finalmente Samsung terá que pagar 538,64 millóns de dólares a Apple por vulnerar a súa propiedade intelectual

venres, 25 de maio do 2018 Marcus Fernández

A polémica entre Apple e Samsung vén de cando saíron os primeiros Samsung Galaxy, inspirados en boa medida polo iPhone

Tras unha loita xudicial duns 6 anos, Apple conseguiu que un tribunal considerase que Samsung vulnerara a súa propiedade intelectual e determinase unha compensación por danos de máis de mil millóns de dólares, cantidade que ao fabricante surcoreano sempre lle pareceu excesiva, polo que presentou numerosos recursos ao longo do tempo, até que finalmente o proceso iniciado en 2011 chega á súa fin, quedando finalmente a sanción a Samsung en 538,64 millóns de dólares.
Tras o veredicto de agosto de 2012 Apple tería que recibir 1.049 millóns de dólares por parte de Samsung, pero a compañía surcoreana só estaba disposta a pagar 548 millóns de dólares, o que provocou a complicación da causa, que rematou cunha cantidade económica inferior á que Samsung estaba disposta a pagar.
Este tipo de enfrontamento xudicial é tipicamente estadounidense, xa que a lexislación norteamericana permite un nivel de protección da propiedade intelectual que noutros países resultaría absurda, pois existen claras limitacións sobre o que pode patentarse. Neste caso até entraban en xogo detalles estéticos, de xeito que de terse respectado internacionalmente os dereitos que Apple ten en EE.UU. sería imposible que o sector da telefonía móbil chegase a evolucionar até o punto actual, pois detalles como facer un smartphone rectangular con esquinas redondeadas sería un detalle exclusivo da compañía da mazá, o que hoxe vemos claramente como un absurdo.

PUBLICIDADE