Firefox dará un maior control sobre a IA no navegador
luns, 2 de febreiro do 2026
Firefox incorporará a partir da versión 148 un novo sistema de controis para xestionar o uso de funcionalidades baseadas en intelixencia artificial (IA) dentro do navegador. A novidade comezará a despregarse o 24 de febreiro e permitirá aos usuarios decidir de xeito centralizado se queren empregar, limitar ou bloquear por completo este tipo de ferramentas.
A decisión responde á diversidade de posturas existentes entre a súa comunidade: mentres unha parte dos usuarios rexeita o uso da IA no navegador web, outros demandan ferramentas que resulten realmente útiles no dÃa a dÃa.
A nova sección de controis estará dispoñible na configuración do navegador de escritorio e funcionará como un panel único desde o que bloquear tanto as funcións actuais como as futuras relacionadas coa IA xerativa. Ademais, permitirá revisar e xestionar cada prestación de maneira individual, de forma que será posible usar Firefox sen ningunha función de IA ou combinar só aquelas que resulten de interese.
No momento do lanzamento, os controis permitirán activar ou desactivar por separado varias funcionalidades, entre elas as traducións automáticas para navegar na lingua preferida do usuario, a xeración de texto alternativo en documentos PDF para mellorar a accesibilidade, a agrupación intelixente de lapelas con suxestións de nomes, as previsualizacións de ligazóns con puntos clave antes de abrir unha páxina ou a integración dun chatbot na barra lateral do navegador.
No caso do asistente conversacional, Firefox ofrece a posibilidade de empregar distintos servizos de terceiros (Claude, ChatGPT, Copilot, Gemini e Mistral) na barra lateral mentres se navega pola web, sempre baixo elección expresa do usuario. Todas estas opcións son voluntarias e poden activarse ou desactivarse con facilidade.
Para quen non queira empregar ningunha función baseada en IA, Firefox incluirá un interruptor xeral para bloquear as melloras de intelixencia artificial. Ao activalo, o navegador deixará de amosar avisos, recordatorios ou propostas relacionadas con estas prestacións, tanto presentes como futuras.
Os controis de IA chegarán primeiro á versión experimental Firefox Nightly, onde poderán probarse antes do seu lanzamento xeral. Mozilla anima á comunidade a compartir impresións e suxestións a través dos seus canles de participación, co fin de seguir axustando o desenvolvemento destas funcións.
VÃdeo de presentación do novo sistema de control sobre a IA en Firefox
