Firefox integra o estándar WebVR

martes, 8 de agosto do 2017 Marcus Fernández

Aínda que os sistemas de realidade virtual aínda non son moi populares, é preciso que as plataformas actuais se adapten ás mesmas para non quedar marxinadas, e así, ao igual que Google Chrome e Microsoft Edge son navegadores que integraron tecnoloxías de realidade virtual hai bastantes meses, agora é a quenda de Mozilla, que ten programado para hoxe a estrea de Firefox 55, que finalmente incorpora de xeito oficial o estándar WebVR, que permite aos navegadores web gozar de experiencias de realidade virtual.
Xa podemos descargar o Firefox 55 en galego para Windows, macOS e Linux, o que permítenos pasear logo polos exemplos de MozVR, de xeito que podemos ver experiencias de realidade virtual que non precisan de software adicional, o que no ordenador pode resultar moi atractivo para usuarios que posúan uns cascos Oculus Rift ou HTC Vive. Amais, dende Mozilla tamén promoven A-Frame, un framework de código aberto pensado para levar a realidade virtual á web dun xeito moi doado, o que non só servirá para o ordenador, senón que tamén é compatible cos cascos de realidade virtual para móbiles, contribuíndo así á creación de contidos que poidan chegar a un público máis amplo, aínda que cómpre lembrar que neste ámbito Mozilla terao complicado, xa que Google xa ten montada toda unha plataforma de contidos en realidade virtual baseada en Chrome.

PUBLICIDADE