Flint OS, nova alternativa a Chrome OS

mércores, 22 de febreiro do 2017 Marcus Fernández

Remix OS non é a única proposta para correr Android en ordenadores persoais, e atendendo a que os equipos con Chrome OS non se comercializan en todo o mundo xorde Flint OS, un fork de Chromium OS que tamén quere ser un sistema operativo orientado á nube, que se inicie en poucos segundos, pero que sexa capaz de funcionar nunha grande diversidade de equipos, de xeito que tanto pode correr nun portátil completo con procesador x86 como en equipos en placa como a Raspberry Pi.
Flint OS está pensado para o seu uso con teclado e rato, permitindo tamén o seu control táctil, e aínda que polo momento limítase a aplicacións baseadas en tecnoloxías web (a cerna de Chrome OS) está a prepararse para correr tamén aplicacións para Android, o que resulta moi atractivo xa que o volume de apps dispoñibles é moi elevado e resultan familiares por estar os usuarios afeitos a empregalas en tabletas e móbiles. O sistema tamén presume de mellor autonomía que un sistema operativo ordinario e actualizacións automáticas que non resultan molestas.
Polo momento está dispoñible para a súa descarga en versións para Raspberry Pi, ordenadores con gráfica integrada Intel e ordenadores con gráficas nVIDIA, aínda que en todos os casos hai que mencionar que estamos ante as primeiras versións dun sistema operativo que aínda está moi verde. De feito, a versión para ordenadores aínda é a 0.1, polo que parece prudente agardar uns meses antes de instalar Flint OS, especialmente porque a súa funcionalidade máis atractiva (correr apps para Android) aínda está en desenvolvemento.

PUBLICIDADE