Forerunner 225, o primeiro reloxo de Garmin con pulsímetro

martes, 12 de maio do 2015 Marcus Fernández

Nos últimos anos Garmin demostrou que a súa reacción ante a caída das vendas dos navegadores GPS para automóbiles potenciando o uso de reloxos deportivos foi todo un acerto, facendo que a súa liña Forerunner fose todo un referente, que agora dá un importante paso co novo Garmin Forerunner 225, que sería o primeiro reloxo con GPS da compañía en integrar un sensor de ritmo cardíaco de Mio, evitando así a necesidade de ter que empregar o reloxo en combinación cunha cinta ao redor do peito.
Este novo reloxo deportivo conta cunha pantalla a cor que presenta unha interface gráfica que axuda a que os corredores poidan coñecer o seu ritmo cardíaco, para adecuar o seu esforzo (presenta zonas en cor gris, azul, verde, laranxa e vermello para indicar a intensidade do exercicio), e tamén integra un acelerómetro para poder medir os pasos en interiores (evitando tamén o ter que incorporar un sensor no calzado).
O Forerunner 225 é resistente á auga até 50 metros, ten unha autonomía de até 4 semanas en modo reloxo (e de entre 7-10 horas co GPS e o pulsímetro activos) e incluso pode empregarse para monitorizar o sono. Comezará a venderse este mesmo trimestre a un prezo de 299 euros.

O reloxo axuda a ter un maior control do esforzo realizado durante os adestramentos


Vídeo promocional do Garmin Forerunner 225

PUBLICIDADE