Formoso di en Mundos Digitales que o CEI converterá a Galicia en referente nacional do novo audiovisual

luns, 10 de xullo do 2023 S. P.

O presidente en funcións da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou o pasado venres 7 de xullo o Congreso Internacional Mundos Digitales. O titular da entidade provincial aproveitou a súa visita para explicar os detalles da creación do CEI (Coruña Estudo Inmersivo), que é, nas súas palabras, “o maior estudo audiovisual virtual de España”. O CEI, lembrou, construirase na Cidade das TIC, a antiga Fábrica de Armas da Coruña agora en proceso de transformación cara a un complexo de coñecemento tecnolóxico avanzado de investigación e de impulso empresarial.
"O CEI”, engadiu, “será o punto de partida para a creación dunha infraestrutura única en España, un plató virtual dotado da tecnoloxía máis avanzada”, entre a que destaca unha pantalla LED xigante de máxima definición que permitirá mesturar personaxes virtuais e actores reais o recrear calquera localización durante unha rodaxe, cumprindo “os estándares de calidade” das principais operadoras do sector para producións cinematográficas e audiovisuais, como Netflix, HBO Max, Movistar Plus+, Amazon Prime ou Disney+.
Valentín González Formoso sinalou que a instalación tamén permitirá a produtoras españolas e estranxeiras aproveitar as vantaxes de aforro de custos e tempo que ofrece a produción virtual. "Posibilitará aforrar ata un 70% en custos de produción", explicou o presidente, salientando o potencial do proxecto para consolidar a Galicia como polo audiovisual de referencia a nivel nacional e “como un territorio idóneo e competitivo para a localización de rodaxes e produción virtuais, como xa se vén constatando nestes últimos anos”.
O CEI situarase na Cidade das TIC, nun edificio de nova construción cunha superficie en planta de 4.160 metros cadrados, dos cales 750 metros van estar dedicados a acoller este estudo “de características únicas en España”, salientou o presidente, que explicou que nesta localización tamén se construirán instalacións para funcións auxiliares deste estudio: un espazo de case 200 metros cadrados para o acceso e as circulacións, camerinos, vestiarios, unha sala de maquillaxe e salón de peiteado, unha sala de figuración, tres salas polivalentes, dous de controis técnicos, despachos, salas de produción, unha zona de descanso e conciliación, unha sala de instalacións, e un almacén.
Cidade das TIC
Na súa intervención en Mundos Digitales, Valentín González Formoso lembrou a importancia de situar este estudo na Cidade das TIC. "Pretendemos que fomentar sinerxías co sector tecnolóxico das empresas que alí se instalen. As rodaxes virtuais son unha realidade cada vez máis estendida e que se está aplicando en todo tipo de producións audiovisuais", sinalou, engadindo que a construción e posta en marcha deste complexo foi posíbel grazas a un investimento de máis de 8 millóns de euros co-financiados co Plan de Recuperación do Goberno de España, que se nutre dos Fondos Next Generation da Unión Europea, con fondos propios da Deputación da Coruña. "Este proxecto sen dúbida supoñerá o posicionamento estratéxico de Galicia dentro do marco do Plan España Hub Audiovisual impulsado pola Secretaría de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais e a Spain Film Commission, xa que como unha das súas 3 liñas estratéxicas inclúese a contribución á transformación do sector audiovisual español", explicou durante a súa intervención.
Respecto das posibilidades de emprego que abre este proxecto, lembrou que “este estudo sen dúbida servirá para poñer en práctica as ideas de numerosos creadores e creadoras de contidos virtuais e, a medio-longo prazo, confiamos en que isto se traduza en novos empregos vinculados ao sector audiovisual".

PUBLICIDADE