Formoso reivindica en Boiro o talento da rede provincial de centros de innovación e coworking
xoves, 15 de maio do 2025
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, clausurou o pasado martes en Boiro a II Feira de Emprego de Barbanza, unha iniciativa que se consolida como punto de referencia no ámbito do emprego e o emprendemento na comarca. Acompañado polo alcalde de Boiro, José Ramón Romero García, Formoso puxo en valor o papel de eventos como este para xerar oportunidades reais no territorio e combater o despoboamento: “O emprego é clave. Sen empresas e sen oportunidades laborais, o rural queda baleiro”, afirmou no transcurso da feira organizada polo Concello de Boiro.
Na súa intervención, o presidente provincial destacou que “esta cita é moito máis ca un espazo de información ou orientación laboral: é un escaparate de talento e compromiso, onde se poñen en contacto as necesidades dun tecido empresarial potente coas aspiracións e capacidades de persoas que queren traballar ou emprender na súa terra”. Destacou tamén a aposta do Concello de Boiro “por consolidar este evento e convertelo nunha referencia na comarca”.
Ademais, subliñou que o apoio ao emprendemento e á xeración de emprego de calidade máis alá das grandes cidades é unha das prioridades estratéxicas da Deputación da Coruña, e destacou os resultados do Plan de Emprego Local (PEL), que leva preto dunha década en funcionamento. “7.700 empregos creados, 2.700 pequenas empresas apoiadas, 4.000 autónomos que viron reducida a súa cota á Seguridade Social. Son cifras que amosan un modelo de política pública que funciona e transforma o territorio”, afirmou.
Entre as ferramentas clave dese modelo, o presidente fixo referencia á Rede Provincial de Coworking, con once centros espallados pola provincia (entre eles o Barbanza-Lab de Boiro, e tamén o Coworking da Pobra do Caramiñal, os dous no Barbanza), que “funcionan como viveiros de proxectos empresariais e espazos de innovación”, dixo, engadindo que “onte mesmo recibimos en Córdoba un recoñecemento da Federación Andaluza de Municipios e Provincias como mellor iniciativa estatal de apoio ao emprendemento no rural, é unha mostra máis de que desde fóra miran para esta provincia, que estamos facendo as cousas ben e de que o futuro pasa por apoiar o talento e o emprendemento local”, indicou.
Pola súa banda, o alcalde de Boiro, José Ramón Romero García, agradeceu a presenza do presidente da Deputación e destacou o esforzo do concello por ofrecer á veciñanza ferramentas que melloren a empregabilidade e impulsen o tecido produtivo local. “Hai que apostar pola formación, pola innovación e pola colaboración institucional para que a xente nova poida desenvolver aquí os seus proxectos vitais e profesionais”, afirmou o rexedor boirense. Ambos representantes coincidiron na importancia de que administracións locais e provinciais traballen da man para crear oportunidades e fixar poboación no rural.
A II Feira de Emprego de Barbanza incluíu ao longo destes dous días relatorios especializados sobre as novas competencias demandadas polo mercado laboral, como a Intelixencia Artificial, a economía circular, a dixitalización ou as estratexias de selección e formación de persoal. Tamén se celebraron obradoiros prácticos, espazos de asesoramento para persoas emprendedoras e encontros directos entre empresas e persoas candidatas.
