Formoso salienta os avances para a consecución do CEI, que estaría listo a finais de ano
martes, 3 de setembro do 2024
Na mañá deste 2 de setembro reuniuse na sede da Deputación da Coruña a comisión de estudo político-técnica sobre a xestión económica do novo espazo dixital provincial Coruña Estudio Inmersivo (CEI), grupo de traballo presidido polo presidente provincial, Valentín González Formoso, e que conta con representantes de todos os grupos políticos provinciais. Tamén dá acubillo a representantes do Clúster Audiovisual Galego e doutras entidades. No transcurso da sesión González salientou os “grandes avances realizados dende a derradeira reunión” e subliñou a importancia da implicación de todas as partes que están a colaborar para facer do CEI unha realidade.
“Hoxe damos un paso definitivo aprobando o regulamento de usos e os pregos para licitar a xestión do CEI, o maior estudio virtual de España, que será unha realidade a finais deste ano”, afirmou Formoso, que destacou que “a Deputación seguirá realizando unha aposta de futuro firme e decidida para consolidar á provincia da Coruña e a Galicia como un polo de referencia para a industria audiovisual a nivel nacional e internacional”.
Formoso destacou a importancia crecente da industria audiovisual e particularmente da produción virtual, cunhas previsións de crecemento do 25% anual nos vindeiros anos. “No mundo existen arredor dun centenar de escenarios VPxR, que rexistran unha alta demanda, mentres que España pasará de 5 a 10 estudios virtuais nos vindeiros anos, todos eles de menores dimensións e funcionalidades que o CEI”, lembrou, engadindo que a Deputación prevé licitar o contrato de xestión do CEI por un prazo de 20 anos, prorrogábeis por outros cinco, e valorará, entre outras cuestións, a solvencia económica e financeira, así como a solvencia técnica e profesional das empresas interesadas, o seu compromiso de investimento na infraestrutura e de creación de emprego, entre outras cuestións. Así mesmo, valorarase a súa contribución do proxecto de xestión do CEI para impulsar o sector audiovisual galego, e os plans de colaboración coa industria e con universidades e centros públicos para formación e investigación.
Durante a reunión avanzouse no programa de traballo establecido coa aprobación da Memoria dos aspectos sociais, xurídicos, económicos, financeiros e técnicos para o exercicio da iniciativa pública económica no marco do proxecto Coruña Estudio Inmersivo (CEI), que supuxo a aprobación da seguinte documentación operativa imprescindíbel para o correcto funcionamento do plató virtual: o Regulamento de Uso do Centro de Produción Virtual VPxR e os pregos de cláusulas administrativas particulares (PCAP) e de prescricións técnicas (PPT) que rexerán o contrato de concesión de servizos do centro de produción virtual VPxR.
Co proxecto Coruña Estudio Inmersivo (CEI), a Deputación da Coruña quere impulsar o sector audiovisual galego, pola súa achega á economía, á identidade cultural galega e á proxección de Galicia e España no exterior.
En palabras da Deputación, o CEI “suporá a construción do maior estudio virtual de España, nun edificio de máis de 2.000 m2, dotada dun escenario virtual de última xeración de 735,10 m2, e múltiples servizos adxacentes como camerinos, vestiarios, controis técnicos etc., que o situarán na vangarda internacional neste ámbito, o que permitirá potenciar o nivel competitivo das empresas do audiovisual galego e atraer novas producións audiovisuais e rodaxes á provincia”.
O proxecto foi concibido como un espazo especializado na produción virtual, permitindo xerar contidos inmersivos de ficción, Realidade Virtual e Aumentada, contidos de aplicación no ámbito cinematográfico, televisivo, publicitario e de videoxogos, que pola súa vez xerarán un produto final de aplicación para sectores como a educación ou o turismo.
Durante a reunión da comisión o persoal técnico da Deputación expuxo a correcta evolución das obras do estudio virtual, “cuxas obras avanzan a bo ritmo, polo que se prevé que poida estar operativo a finais deste mesmo ano”.
A súa construción e posta en marcha é posíbel grazas a un investimento de máis de 8 millóns de euros, dos que 5 millóns están financiados a través dos fondos do Plan de Recuperación do Goberno de España- Next Generation EU e arredor de 3 millóns con fondos propios da Deputación da Coruña.