Formoso visita a sede central de Televés en Santiago

xoves, 4 de xullo do 2024 S. P.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou na mañá deste 4 de xullo a sede central de Televés en Santiago de Compostela. Acompañado da deputada de Emprego e Industria, Rosa Ana García, foi recibido polo director executivo (CEO) da corporación, Santiago Rey Requejo, o secretario xeral corporativo, Jorge Lorenzo, e o director de desenvolvemento de novas liñas de negocio, Iván Rodríguez Dorado, cos que percorreu as instalacións da compañía, histórico referente galego e estatal en telecomunicacións e tecnoloxía.
"Esta visita é crucial na provincia da Coruña porque queda acreditado que Televés é un gran contedor de coñecemento e unha ferramenta de retención do talento galego. A súa diversificación e aposta pola innovación tecnolóxica fan que poida existir optimismo na economía galega", asegurou o presidente, que quixo agradecer "a insistencia" da empresa "por manterse en Galicia desde que se fundou".
Para Formoso, empresas como Televés permiten que a potencia industrial galega medre ata conseguir que o seu peso no PIB alcance o 20%, "como recomenda a Unión Europea".
O dirixente provincial destacou que a aposta da compañía permite "reter o talento da xente moza que se forma nas universidades públicas galegas, cun custo importante para a sociedade". E engadiu: "A retención de talento axuda a afastar o fracaso social que significa ver como un rapaz ou unha rapaza formado nun centro público galego ten que emigrar a Inglaterra, Alemaña ou Estados Unidos para poder desenvolver a súa carreira profesional", engadiu.
Pola súa banda, Santiago Rey debullou os actuais proxectos da compañía, que pasan pola “diversificación arredor das infraestruturas de comunicacións de edificios e fogares”, proceso no que teñen cabida estratexias como “a aposta pola ultra alta definición e a radio dixital, a dixitalización dos fogares e as residencias de maiores coa busca de captación de información non invasiva ou, tamén, a iluminación conectada”, dixo, engadindo que “os plans de futuro de Televés pasan polo eido da microelectrónica”.
Televés naceu hai case 60 anos en Santiago de Compostela e na actualidade a Corporación Televés conta cunha vintena de firmas e filiais en tres continentes. A súa orixe estivo vinculada á fabricación de antenas de televisión, pero ao longo da súa traxectoria foi ampliando e diversificando o seu negocio ata converterse nunha empresa tecnolóxica que ofrece produtos relacionados coas telecomunicacións, a iluminación, os servizos audiovisuais ou as solucións para o sector sociosanitario.

PUBLICIDADE