Fortnite bate récord de usuarios simultáneos e reciben a The Mandalorian

xoves, 3 de decembro do 2020 Marcus Fernández

Epic Games quixo rematar o primeiro capítulo da quinta tempada de Fortnite por todo o alto, polo que convocou aos xogadores a xuntarse nunha batalla colosal para derrotar ao devorador de mundos Galactus, evento que fixo historia ao conseguir chegar aos 15,3 millóns de usuarios simultáneos mentres outros 3,4 millóns de usuarios seguiron o que pasaba en directo a través de YouTube Gaming e Twitch.
Superado ese momento toca comezar o segundo capítulo da quinta tempada, co axente Jones xuntando aos meirandes cazadores de todas as realidades para evitar que o resto de personaxes fuxan do bucle, sendo especialmente relevante o primeiro cazador desvelado: Din Djarin, o protagonista de The Mandalorian, quen estará acompañado por Grogu (Baby Yoda) unha vez desbloqueado este atractivo personaxe.
Outros cazadores importantes irán chegando a Fortnite, pero a incorporación de Mando non foi inocente, senón que agocha unha promoción, xa que até o 31 de decembro ofrecen aos xogadores que fagan algunha compra con cartos reais en Fortnite até 2 meses do servizo de vídeo baixo demanda Disney+ (onde pode verse a serie de The Mandalorian). Estes 2 meses de Disney+ pretenden ser un cebo para manter contratado o servizo pagando 6,99 euros/mes, aínda que a subscrición pode cancelarse en calquera momento.

Grogu é un accesorio desbloqueable no xogo
Os usuarios que gasten cartos reais en Fortnite poderán recibir dous meses de proba de Disney+.

Tráiler do novo capítulo de Fortnite

PUBLICIDADE