Fortnite distribuirase fóra da tenda de aplicacións de Google

venres, 3 de agosto do 2018 Marcus Fernández

A chegada de Fortnite a Android podería ser moito máis polémica do que se esperaba inicialmente, pois aínda que os primeiros rumores apuntaban a que o xogo contaría cunha exclusividade temporal de 30 días para o Samsung Galaxy Note 9, agora hai fontes que apuntan a que os smartphones Samsung Galaxy terían unha exclusividade de 120 días, o que podería supor que non chegaría a moitos usuarios de móbiles con Android até novembro ou decembro.
Aínda que este detalle estaría sen confirmar, o que si parece garantido, xa que é o propio director xeral de Epic Games, Tim Sweeney, o que o afirma, é que o xogo para Android non estará dispoñible a través da tenda oficial de aplicacións de Google, xa que a compañía non quere ter que compartir o 30% dos seus ingresos con tal plataforma. Sweeney asegura que tiveron que acceder a tal comisión no caso de iOS porque non hai outro xeito de distribuír aplicacións para iPhone, pero no caso dos móbiles con Android a cousa non é así, e pode realizarse a descarga da aplicación directamente dende a páxina web do xogo (sendo preciso que o usuario autorice a instalación do xogo dun xeito explícito por motivos de seguridade).
Normalmente os desenvolvedores de aplicacións pasan polo aro e aceptan compartir ingresos con Google porque a tenda de aplicacións dá visibilidade aos produtos e facilita a súa distribución e actualización, pero no caso de Fortnite o produto xa é coñecido de máis, sendo posiblemente o xogo que máis atención está a captar este ano, polo que poden ousar a unha distribución de seu para non ter que compartir os que posiblemente serán uns ingresos multimillonarios (cando estrearon aplicación para iOS estímase que moveron 15 millóns de dólares en só 3 semanas).
Aínda que o máis probable é que a fiestra de exclusividade pactada con Samsung sexa só de 30 días, o que si parece bastante crible é a relación de smartphones e tabletas con Android que poderán gozar inicialmente da versión móbil de Fortnite, que podería ser de pouco máis de 40 modelos, xa que Epic quere garantir que o xogo funcione só en dispositivos con potencia dabondo para mover de xeito fluído o seu título estrela. Falariamos de dispositivos cun procesador mínimo na liña do Qualcomm Snapdragon 430 e 3 GB de RAM de compañías como Google, Huawei, LG, Motorola, Samsung, e Sony, aínda que deixando fóra bastantes terminais de certa sona (polo que enténdese que a listaxe de xogos irase ampliando segundo se vaia probando o xogo nos distintos dispositivos).
Na relación de terminais sorprende non ver ningún de Xiaomi, pero iso non quere dicir que estean a ignorar a marca, pois dende Epic recoñecen estar a traballar paralelamente no lanzamento do xogo para o mercado chinés, citando especificamente a Xiaomi como unha das compañías coas que están a analizar os xeitos de chegar aos seus usuarios sen pasar pola súa tenda de aplicacións.
O que semella preocupante é que as compañías comecen a fuxir das tendas de aplicacións, pois son un elemento moi importante para manter a seguridade nos dispositivos móbiles e un dos alicerces do modelo de negocio de Android.

PUBLICIDADE