Forza Horizon 5 aposta pola accesibilidade

venres, 5 de novembro do 2021 Marcus Fernández

A semana que vén lanzarase o xogo de condución Forza Horizon 5, que promete converterse na sensación da tempada como aconteceu cos seus predecesores, pero un detalle que está a resultar especialmente rechamante neste traballo de Playground Games é que está a coidar a súa accesibilidade, o que permitiralle chegar a un maior número de xogadores.
Por unha banda o xogo permitirá axustar a súa velocidade para o xogo fóra de liña, de xeito que os novatos poidan ter o seu tempo para collerlle o truco ás súas mecánicas con facilidade; conta cun modo de alto contraste para que os menús e os textos sexan máis doados de distinguir para os xogadores; ten un modo destinado aos daltónicos, que permite axustar a configuración das cores; os subtítulos poderán activarse e desactivarse, mudar de tamaño, axustar a opacidade do seu fondo e incluso contar con palabra chave destacadas; poderanse mudar o tamaño dos textos do xogo e dos menús; incorpórase un narrador que pode ler os textos, botóns e outros elementos en pantalla; para participar no chat de voz cóntase con opcións de texto-a-voz e voz-a-texto; poderase desactivar o movemento dos fondos; e tamén será posible fixar a duración das notificacións no xogo.
A todas estas facilidades únese algo especialmente rechamante: a posibilidade de contar cunha intérprete de linguaxe de signos durante as escenas cinemáticas do xogo, aínda que esta novidade só está dispoñible en lingua de signos para EE.UU. e Reino Unido.

Vídeo no que presentan as funcións de accesibilidade de Forza Horizon 5

PUBLICIDADE