Forza Horizon 5 chegará a PlayStation 5

xoves, 30 de xaneiro do 2025 Marcus Fernández

Ao igual que PlayStation Studios está a levar os seus xogos a PC, dende os Xbox Game Studios non teñen agora reparos para levar as súas creacións a consolas PlayStation, e como boa mostra diso dende Playground Games anunciaron hoxe que en primavera van levar Forza Horizon 5 a PlayStation 5, de xeito que unha das grandes franquías de condución de Microsoft estará ao alcance das consolas do seu competidor máis directo.
Forza Horizon 5 estará dispoñible en PS5 con preto de 900 vehículos, máis de 40 actualizacións temáticas, dúas expansións e moitos máis contido (que foi chegando ao xogo dende o seu lanzamento orixinal en 2021).
A versión para PlayStation 5 de Forza Horizon 5 está a ser desenvolvida por Panic Button en colaboración con Turn 10 Studios e Playground Games, contando co mesmo contido que as versións para Xbox e PC, buscando incrementar a súa comunidade de xogadores.
O xogo para PlayStation 5 xa figura listado na PlayStation Store, para que os usuarios interesados poidan engadilo á súa listaxe de desexos, para recibir actualizacións sobre o lanzamento desta nova versión.