Fotolingua, o certame para visualizar os usos comerciais do galego, xa ten gañadores

martes, 11 de xuño do 2019 Redacción

Xa hai gañadoras e gañadores da cuarta edición do certame de fotografía a prol do galego que lanzou o Concello de Santiago, o certame Fotolingua. Segundo fai saber o Goberno local en funcións, o concurso pechouse con 441 imaxes asociadas ao cancelo #fotolingua, todas elas co nexo común de mostrar diferentes xeitos de facer mercadotecnia comercial a través do galego. Destas imaxes, a que recibiu máis gústame do público, 180, foi a realizada por Raquel Pombar na escola Sondanza.
Pola súa banda, a organización do certame decidiu premiar a Xaime Varela Siero “polo conxunto de imaxes que publicou no que reflicte a riqueza e variedade de establecementos que usan o galego en Compostela”.
Este ano, foron un total de 229 imaxes únicas as que se subiron ás dúas redes empregadas no certame, Facebook e Instagram, e que cumprían todos os requirimentos das bases do concurso. A maiores, publicáronse outras 12 que non puideron optar a premio porque incumprían as bases.
Segundo explica o Concello, a consolidación definitiva do concurso, ao abeiro desta cuarta edición, deixouse notar non só na cifra de participantes, senón tamén no incremento de seareiros e seareiras na súa páxina de Facebook, que sumou 334 este ano até chegar a 1.400 persoas. Ademais, o número de impresións nas redes achegouse ás 12.300.
Imaxes premiadas
A imaxe que conseguiu máis votos positivos dos usuarios das redes sociais foi, como dixemos, a compartida por Raquel Pombar, que fotografou unha parte do alumnado da escola Sondanza diante do centro, no barrio de Conxo. A segunda posición foi para Manolo Villaverde, por unha imaxe do restaurante Antollos, da rúa das Orfas, subida a Facebook; e o terceira imaxe máis valorada polo público foi a subida a Instagram pola usuaria @arancharf no Restaurante Rúa.
Pola súa banda, a organización de Fotolingua acordou premiar a Xaime Varela Siero, “polo conxunto de imaxes que publicou de diferentes establecementos que usan o galego en Santiago”, e tamén “por ter participado no concurso dende a súa primeira edición”.

PUBLICIDADE