Fracasa Plastc, unha multi-tarxeta que xuntara millóns de dólares en pedidos anticipados

venres, 21 de abril do 2017 Marcus Fernández

Plastc prometía integrar varias tarxetas nunha única, controlando o seu funcionamento dende o móbil e dunha pantalla táctil de papel electrónico

No outono de 2014 unha campaña de micromecenado quería contribuír a facer realidade a tarxeta Plastc, un dispositivo electrónico que coa aparencia de tarxeta bancaria quería servir para substituír até a 20 tarxetas de débito, crédito e fidelización combinando NFC (para pagamentos contactless), chip (para pagamentos en TPV), RFID (para substituír ás tarxetas de identificación para fichar ou entrar en numerosos centros de traballo) e incluso cunha pantalla táctil de papel electrónico (na que incluso poderiamos, por exemplo, ver o balance da nosa conta bancaria antes de realizar un pagamento), converténdose nun produto sumamente atractivo que pese a xuntar máis de 9 millóns de dólares entre pedidos anticipados e achegas de investidores, finalmente non verá a luz.
Dende Plastc veñen de publicar un comunicado dando conta de que tras 3 anos de traballo, e grandes avances no desenvolvemento da súa revolucionaria tarxeta multi-función que podía controlarse dende o smartphone a través de Bluetooth, non poderán cumprir co compromiso adquirido cos seus mecenas (que adiantaron 155 dólares por cada tarxeta) xa que a última hora o seu principal investidor retirou o seu apoio ao proxecto, o que impídelles iniciar a produción das tarxetas que estaban a desenvolver, soterrando un prometedor produto.
Temos así un triste caso máis no que se confirma que o micromecenado ten os seus riscos, que cando os proxectos fracasan os mecenas non teñen o dereito de recuperar os seus cartos, xa que as recompensas prometidas non son o mesmo que pedidos anticipados, algo do que hai que ser consciente cando se contribúe a unha iniciativa deste tipo coa intención de facerse cun produto que pode non chegar a ver a luz nunca. De feito, no caso das tarxetas de pagamento do tipo de Plastc temos unha longa historia de proxectos fracasados coma Coin, Stratos ou Swyp, que aínda que nalgún caso chegaron a entregarse algunhas tarxetas, non conseguiron consolidarse, e iso sen comentar que teñen que competir con xigantes como Apple Pay e Samsung Pay, que teñen o mesmo obxectivo, aínda que prescindindo incluso da tarxeta física (empregando só o móbil como tarxeta virtual).

Vídeo promocional da prometedora tarxeta Plastc

PUBLICIDADE