Fracasa o programa estatal que leva a Internet ao rural vía satélite

luns, 24 de novembro do 2025 Redacción

O programa UNICO Demanda Rural, concibido para levar conexión ultrarrápida vía satélite ás zonas máis illadas do Estado, está lonxe de cumprir as expectativas anunciadas polo Goberno no momento da súa adxudicación. A finais de 2025, dous anos e medio despois do seu lanzamento, suma arredor de catorce mil usuarios, o que supón aproximadamente o 1 % dos 1,3 millóns de fogares e empresas que se anunciaron como destinatarios potenciais.
A realidade é que, malia a presentación inicial, o deseño orzamentario do programa xa marcaba metas máis reducidas. Dos 76,3 millóns de euros asignados, 36 destinábanse a cubrir os custos de alta dos usuarios (entre a visita técnica, a antena parabólica e o equipamento electrónico), cun máximo de 600 euros por cliente. Iso situaba a capacidade real en torno aos 60 mil aboados, pero a cifra actual non chega nin á cuarta parte. Os outros 40 millóns reservábanse para a creación dunha plataforma de comercialización.
A execución do plan quedou condicionada por unha combinación de problemas. A adxudicación a Hispasat como provedor maiorista (cun servizo de 100 Mbps por 35 euros ao mes) supuña que a demanda fose impulsada por unha rede de comercializadores e instaladores. Porén, a empresa chamada a actuar como principal tractora, Eurona, entrou en concurso de acredores e non resolveu a súa situación ata 2025, un atraso decisivo segundo as fontes consultadas.
A isto engadiuse a pouca implicación de Telefónica, que apenas representou menos do 10 % das altas. En moitas áreas, a operadora optou por promocionar alternativas propias de fibra ou de 5G rural, aínda que non sempre estivesen dispoñibles no momento da contratación e obrigasen a agardar meses ou mesmo anos. Segundo diversos distribuidores, o programa facía pouco rendible o esforzo comercial: cada alta deixáballes menos de 80 euros de marxe.
O contexto competitivo tamén xogou en contra. Starlink, a constelación de satélites de órbita baixa de SpaceX, irrompeu no mercado español con prezos agresivos e tecnoloxías con menor latencia ca a solución de Hispasat.