Francia bloqueou a fusión entre Orange e Vodafone

martes, 7 de decembro do 2021 Marcus Fernández

Tras anos con rumores de que tanto Orange como Vodafone poderían estar a explorar a opción de fusionarse con outros operadores de telecomunicacións, dende a canle francesa de televisión BFM desvelan que entre o verán de 2020 e primeiros de 2021 os grandes operadores francés e británico negociaron unha fusión entre iguais, valorándose cada empresa nuns 30.000 millóns de euros, co que perseguirían en boa medida que non houbese oposición política á creación do que sería principal operador de Europa, superando a Deutsche Telekom.
Actualmente Vodafone lidera os mercados británico, alemán, italiano e húngaro, mentres que Orange é forte en Francia, Bélxica, Polonia e Hungría, sendo España o único país nos que ambos operadores tiveron problemas de competencia (sendo incapaces de superar a Telefónica).
Estas compañías tamén teñen presenza en varios países africanos, e a súa fusión podería servir para consolidar a súa posición, pero segundo BFM TV o grande atranco para a fusión das compañías foi o goberno francés, que controla o 23% de Orange, pese a que incluso chegou barallarse que en vez de mudar a sede da compañía fusionada a Londres rematase nun país neutral (como Países Baixos).
Aínda que a fusión entre Vodafone e Orange non prosperase, a boa relación entre as compañías continúa, de aí que, pese a manter negocios separados, estean a colaborar en infraestruturas de telecomunicacións.

PUBLICIDADE