Francisco Javier Rodríguez renova como director da ESEI

xoves, 9 de maio do 2019 Redacción

Francisco Javier Rodríguez vén de renovar como director da Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense, Universidade de Vigo, logo de acadar a súa candidatura (a única presentada) un total de 34 votos a favor e dous en branco. Rodríguez, deste xeito, continuará tres anos máis á fronte da ESEI, sendo os seus principais desafíos consolidar e visualizar o labor do centro e subir novos chanzos en materia de excelencia. Agradecendo o apoio dos colectivos universitarios nos últimos tres anos de goberno, o director comprometeuse a dar continuidade á política desenvolvida nese período.
O equipo de dirección liderado por Francisco Javier Rodríguez está formado polas profesoras e profesor María Encarnación González, secretaria; Eva Lorenzo, subdirectora de Calidade e Acreditación de Títulos; Rosalía Laza, subdirectora de Organización Académica, e Pedro Cuesta, subdirector de Planificación e Relacións Externas.
No seu discurso, o director da escola comezou “agradecendo a oportunidade que me destes de continuar o mandato de dirixir a ESEI os próximos tres anos. Darvos as grazas polo apoio para continuar e por alentar tamén ás persoas que me acompañan neste equipo. Isto permítenos continuar cara unha nova fase pero seguindo as ideas e os principios xerais que rexeron este período de dirección da escola”.
Facendo reconto dos fitos da súa andaina á fronte da ESEI, Francisco Javier Rodríguez salientou a superación da acreditación “Eur-Inf” que “estamos a piques de recibir” e que converterá ao centro “no primeiro Grao en Enxeñaría Informática de Galicia en ter este selo europeo de calidade”. Outros obxectivos conseguidos, engadiu, “foron a consolidación de actividades e a súa difusión na sociedade, como a Feira de Emprego ou a Hora do Código”. Tamén enxalzou o impulso á presenza da escola en órganos de decisión da Universidade de Vigo e como se conseguiu “ser o primeiro centro da Universidade en canto a participación nas enquisas de satisfacción e nos resultados dos informes de avaliación e seguimento”.

PUBLICIDADE