FreedomPop ofrecerá en España telefonía móbil de balde a partires do verán
mércores, 20 de abril do 2016
Tras o seu paso por EE.UU. e Reino Unido, o operador de telefonía móbil FreedomPop
anunciou que está
a preparar o lanzamento do seu servizo de telefonía móbil de balde en España,
que durante os vindeiros días iniciaría o seu período de probas para comezar a
funcionar de xeito ordinario no verán. Este servizo ofrecerá chamadas de voz e
datos, destacando por contar con roaming
de balde en 31 países (entre os que están EE.UU., Reino Unido, Alemaña,
Francia, Portugal e Italia).
Cómpre destacar que estamos ante un servizo paseado principalmente en redes de
datos, que parte dun plan de balde, pero que facilita a contratacións de plans
de pagamento (que son os que sosteñen o negocio). Deste xeito FreedomPop pode
presumir de chamadas e mensaxes de texto a través de Wi-Fi dende calquera
lugar, chamadas e mensaxes ilimitadas entre teléfonos da compañía, chamadas
internacionais de balde a máis de 60 países, a posibilidade de contar con
número de teléfonos virtuais en distintas partes do mundo e a posibilidade de facerse
con datos recomendando o servizo a amigos e aceptando ofertas de patrocinadores
do servizo.
En EE.UU. FreedomPop funciona baixo a rede 4G de Sprint, ofrece de balde até
200 minutos de voz (que van a través de redes de datos), 500 mensaxes de texto
e 500 MB de datos, mentres que por 10,99 dólares/mes ofrece voz e mensaxes sen
límite e 500 MB de datos, mentres que os que paguen 19,99 dólares/mes gozarían
de 1 GB de datos. Estamos así ante uns plans que resultarían rendibles para uns
perfís de usuario moi determinados, pero que no caso español gozarían dun
detalle que si faría que a oferta de balde da compañía fose especialmente
atractiva, xa que o tráfico de datos a través da aplicación de WhatsApp (tanto
mensaxes como chamadas) serían de balde, ou sexa, non computarían dentro do
límite de datos mensual de FreedomPop, o que para moitos usuarios faría que
este operador fose virtualmente de balde.
Steven Sesar, co fundador de FreedomPop, asegura que o seu servizo de balde no
Reino Unido está a ter unha aceptación moi boa (con máis de 100.000 usuarios en
menos de 12 meses) e confían en que en España a situación sexa moito mellor, de
xeito que o seu obxectivo é conseguir entre 500.000 e un millón de usuarios en
dous anos.
O servizo de FreedomPop está baseado no uso das súas tarxetas SIM (para ter
datos móbiles) en combinación coa súa aplicación oficial para iOS e Android,
aínda que dende a compañía destacan que o servizo tamén é compatible con
tabletas (o que pode ser un incentivo para empregar esta solución de
comunicación que permitiría levar o noso número móbil alí onde teñamos acceso á
Internet dende un trebello con iOS ou Android).