Fruit Ninja estrea versión para PlayStation VR

mércores, 21 de decembro do 2016 Marcus Fernández

Tras trunfar en dispositivos móbiles e en plataformas de realidade virtual para PC, Halfbrick Studios leva o seu célebre xogo Fruit Ninja á PlayStation 4, de xeito que por 16,99 euros podemos mercar este xogo que permitiranos somerxernos nun mundo virtual dentro dun casco de PlayStation VR no que nos irán lanzando froitas que poderemos cotar cun par de espadas virtuais (que en realidade serían mandos de PlayStation Move) para poder ter un achegamento divertido e directo á realidade virtual, que fuxe das experiencias realistas para ofrecer diversión pura.
O usuario pode optar por xogar a conseguir a mellor puntuación nun modo Clásico, aínda que tamén pode elixir un frenético modo Arcade ou un tranquilo modo Zen. Como novidade, Fruit Ninja VR inclúe un modo Supervivencia no que haberá que facer fronte a helicópteros lanza-froita.
Calquera que gozase deste xogo en móbiles ou tabletas entenderá que estamos ante un título practicamente imprescindible para quen teña PlayStation VR, a PS Camera e PS Move, elementos necesarios para poder gozar dun xeito diferente este xogo de mecánica moi sinxela, que ao converterse en envolvente resulta ideal para familiarizarse coa realidade virtual.

PUBLICIDADE