Fujifilm lanza o seu primeiro proxector 4K de tiro ultracurto para espazos envolventes

mércores, 18 de xuño do 2025 Marcus Fernández

Fujifilm vén de anunciar o lanzamento do FP-ZUH6000, o seu primeiro proxector de ultracurta distancia compatible con resolución 4K, que estará dispoñible a finais de xuño. Esta nova incorporación á súa serie Z destaca pola súa capacidade para crear espazos visuais envolventes, cunha reprodución da cor un 50 % superior á do modelo anterior e unha gradación tonal máis suave.
O FP-ZUH6000 está equipado cun chip DLP de última xeración e incorpora por vez primeira a función Simulación de película, herdada das cámaras da Serie X e GFX da compañía. Esta opción permite escoller entre tres modos de cor inspirados en películas clásicas de Fujifilm (PROVIA, Velvia e ETERNA), adaptándose a diferentes necesidades creativas e de deseño espacial.
Un dos seus principais atractivos é a súa lente xiratoria biaxial pregable, única no sector, que facilita a proxección multidireccional sen cambiar a posición do dispositivo. Grazas a isto, é posible proxectar imaxes en paredes, chans ou teitos mesmo dende só 75 centímetros de distancia.
Con 6000 lumenes de brillo, un corpo compacto de apenas 17,5 kg e unha función de desprazamento da lente de ata o 82 % en vertical e o 35 % en horizontal, o novo modelo busca facilitar instalacións flexibles en espazos como museos, galerías ou recintos comerciais.
O lanzamento do FP-ZUH6000 reafirma o compromiso de Fujifilm co desenvolvemento de solucións ópticas avanzadas para aplicacións profesionais e creativas, ampliando as posibilidades de produción inmersiva nun sector en crecemento.

O novo proxector presentado nunha feira profesional en Barcelona