Fujifilm lanzará en setembro unha cámara fotográfica estereoscópica

luns, 13 de xullo do 2009 Marcus Fernández

Fujifilm finalmente data para setembro o lanzamento da súa cámara FinePix Real 3D, modelo con 2 lentes xemelgas que permitirían a captura de imaxes estereoscópicas e que terá un prezo estimado de 600 dólares (430 euros).
Esta nova cámara xa conta con prototipos dende hai máis dun ano, e as imaxes captadas poderán reproducirse en impresións cun plástico lenticular especial ou en marcos dixitais estereoscópicos, polo que nun primeiro momento non parece unha tecnoloxía apta para calquera uso.
Fujifilm pretende lanzar un servizo de impresión de fotografías 3D, aínda que buscar un prezo un prezo atractivo é todo un reto, pois dende a compañía nipona son conscientes de que non funcionará se cobran máis de 500 iens (3,8 euros) por fotografía.
Polo momento non coñecemos detalles como a resolución das imaxes 3D nin da posibilidade de gravar vídeo tridimensional con esta cámara, pero distintos fabricantes están a traballar xa na posibilidade de comercializar videocámaras 3D ante unha posible explosión desta tecnoloxía grazas aos avances en pantallas e soportes de alta definición, que poderían facer que unha tecnoloxía que este ano vai ser toda unha revolución nos cines de todo o mundo convértase nun complemento ideal para os salóns multimedia.

Prototipo da cámara estereoscópica de Fujifilm que podería chegar ao mercado en setembro

PUBLICIDADE