Fujifilm presenta unha cámara compacta de medio formato e obxectivo fixo

xoves, 20 de marzo do 2025 Marcus Fernández

Fujifilm anuncia o lanzamento mundial no mes de abril da nova cámara Fujifilm GFX100RF, a primeira cámara dixital de obxectivo fixo da serie GFX, equipada co sensor de alta velocidade GFX 102MP CMOS II de 102 Mpíxeles e co último motor de procesamento de imaxes de alta velocidade X-Processor 5.
Esta nova cámara, cun peso de 735 gramos, convértese na máis lixeira da familia GFX, a pesar de ter un obxectivo fixo. Tamén é a primeira cámara da compañía en inclúe un dial de relación de aspecto, que permite cambiar entre nove formatos de disparo versátiles para facer que a experiencia de disparo sexa máis agradable ao adaptar a relación de aspecto ao suxeitou ou á intención creativa.
Está equipada cun obxectivo F4 de 35 mm (equivalente a 28 mm en formato de 35 mm) que ofrece un campo de visión moi versátil, apoiado polo último sistema de enfoque automático de detección de suxeitos baseado en IA, de alta velocidade e gran precisión, o que garante un rendemento excepcional en diversos escenarios de disparo, desde instantáneas ocasionais até reportaxes profesionais.
A Fujifilm GFX100RF preséntase como unha cámara compacta e lixeira, cun sensor de 102 Mpíxeles, que persegue que o usuario poida levala sempre enriba, para poder gozar da fotografía de grande formato en calquera momento. Na súa traseira inclúe unha pantalla LCD abatible de 3,15 polgadas e 2,1 Mpíxeles, pero o que realmente destaca pola súa calidade é o seu visor OLED de 0,5 polgadas e 5,76 Mpíxeles que facilita o disparo de fotografías con grande precisión.
Aparte de detalladas imaxes, a cámara tamén pode gravar vídeo até 4K a 30 imaxes por segundo en 4:2:2 a 10 bits, contando tamén con gravación F-Log2 para poder gozar dun grande rango dinámico.
Esta cámara está fabricada con grande calidade, busca atraer a fotógrafos de rúa e de viaxe moi esixentes, competindo con cámaras de luxo como a Leica Q3, aínda que cun prezo máis axustado (nos EE.UU. terá un prezo de 4.899,95 dólares, mentres que en Europa custará uns 5.500 euros).

Vídeo promocional da nova cámara Fujifilm GFX100RF