Fusión+ 2 subirá de prezo en febreiro incrementando os datos móbiles

luns, 26 de decembro do 2016 Marcus Fernández

Segundo están a comunicar aos clientes actuais, a partires do 5 de febreiro Movistar realizará novos cambios na súa oferta converxente Fusión para clientes multi-liña, de xeito que case triplicará o volume de datos dispoñible dende o móbil a cambio dun incremento na cota mensual.
Hai un ano Movistar subira o prezo da súa oferta converxente en 3 euros a cambio de ofrecer simetría na súa fibra óptica, e agora o incremento sería duns 5 euros/mes, de xeito que os clientes de Fusión+ pasará de ter 3 GB nas liñas móbiles a ofrecer 8 GB de datos ao mes, cambio que afectará aos que teñan entre 2 e 4 liñas asociadas a súa tarifa converxente (chamada Fusión+ 2).
Cómpre salientar que dende hai anos Movistar permite gozar da función Data Sharing, de xeito que as distintas liñas compartirían o tráfico de datos, compensando así os usuarios pouco activos o tráfico dos que máis descargan, de xeito que unha familia que tivese Fusión+ con 4 liñas conseguiría a partires de febreiro 32 GB de datos móbiles ao mes.

Comunicación que están a recibir os clientes de Fusión+ 2

PUBLICIDADE