Futurama estrea xogo para Android

martes, 24 de novembro do 2015 Marcus Fernández

O estudio berlinés Wooga sorprende lanzando un novo xogo móbil baseado na serie televisiva Futurama, grazas a un acordo coa Fox, de xeito que en Google Play xa está dispoñible Futurama: Game of Drones, un título que tomando un argumento e unha estética propios da serie de televisión de Matt Groening, limítase a ser un simple xogo de crebacabezas de xuntar pezas da mesma cor (que son os drons aos que fai referencia o título). Ou sexa, que estamos nun dos moitos clons de Bejeweled (como o propio Candy Crush Saga) que como principal eiva ten que neste momento non está dispoñible nin para todos os mercados nin para todos os dispositivos.
Os afortunados que poidan gozar do mesmo poderán comprobar que estamos ante un free-to-play que podemos instalar de balde, pero que inclúe compras na aplicación (polo que non sería de sorprender que o seu lanzamento limitado responda simplemente á prudencia, para evitar que os servidores da compañía non poidan atender a elevada demanda inicial dun xogo baseado nunha franquía tan célebre).

O xogo é un sinxelo quebracabezas no que hai que xuntar drons da mesma cor.

PUBLICIDADE