GAIN, CESGA e CIS Galicia achégannos este xoves ás múltiples vantaxes do cómputo e a simulación

luns, 28 de novembro do 2016 Redacción

O CIS Galicia vai acoller esta semana na súa sede de Ferrol un encontro sobre as posibilidades do cálculo avanzado para atoparmos xeitos de sermos máis rendibles, áxiles, eficaces e sustentables nos procesos de produción. Falamos das Xornadas de Divulgación Tecnolóxica: Modelado, Simulación e Big Data a Industria 4.0, unha cita prevista para este 1 de decembro e cuxo obxectivo concreto é “amosar ás nosa PEME as moitas oportunidades que lles poden brindar o uso da computación”. Sobre todo, sinala a organización, “para resolver e mellorar necesidades de negocio nas empresas de enxeñaría, industria e auxiliares”.
A xornada está dirixida a persoal directivo e responsables de departamentos técnicos ou de produción de empresas de tódolos sectores, enxeñeiros, persoal de oficinas técnicas, estudantes e outros interesados. No evento presentaranse os servizos para o impulso da computación nas PEME do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), da Axencia Galega de Innovación e de CIS Galicia.
Tamén se vai dar a coñecer o servizo Xeración de Modelos de Simulación Industrial de Reacciona TIC, impulsado polo IGAPE e a axencia AMTEGA para optimizar a capacidade competitiva do tecido empresarial. Asemade, falarase da simulación numérica, da análise de datos e dos seus beneficios para as PEME, de computación de alto rendemento (HPC, High Performance Computing), das tecnoloxías que se requiren para implantar as novas solucións e de casos de éxito na aplicación e integración daquelas en empresas da nosa contorna.
A xornada vén da man da Axencia Galega de Innovación (GAIN) e conta coa colaboración de CIS Galicia e o CESGA.
Programa de actividades
09.30h. – Presentación Institucional
· Servizos do CESGA e GAIN-CIS Galicia para o impulso da matemática industrial e a computación nas PEMES (GAIN, CESGA)
· Servizos Re-Acciona TIC de mellora competitiva para PEMES galegas: Xeración de Modelos e Simulación Industrial (IGAPE e SOLTEC)
09:45h. – Simulación numérica e análise de datos. Beneficios para a PEME (CESGA)
10.00h. – Tecnoloxías necesarias: hardware, software e aplicacións. Requirimentos para a súa implantación (CESGA).
10.15h. – Casos reais de empresas que xa apostaron pola implantación destas tecnoloxías (CESGA).
10.30h. – Casos de éxito cara unha industria 4.0 grazas ás tecnoloxías Big Data & MSO (Modelado, Simulación e Optimización) (ITMATI)
10.45h. – Servizo Re-Acciona TIC de Xeración de Modelos e Simulación Industrial (SOLTEC)