GAIN afronta 2018 con máis orzamentos e máis foco no talento e na innovación

mércores, 8 de novembro do 2017 Redacción

JPEG - 726.6 KB
Patricia Argerey, directora de GAIN, nun dos actos de celebración dos 25 anos da Tecnópole

Onte tivemos ocasión de coñecer boa parte da folla de ruta para 2018 da Axencia Galega de Innovación, GAIN, un roteiro que se centrará principalmente en cousas que nos tocan de preto, como incrementar a competitividade das PEME a través da innovación, impulsar a transferencia de tecnoloxía dos investigadores ás empresas, apoiar o espallamento da Industria 4.0 no noso tecido produtivo ou captar e reter talento innovador. Os plans para o ano vindeiro foron dados a coñecer no Parlamento pola directora da axencia, Patrica Argerey, quen salientou que os orzamentos do organismo medraron nun 26%, situándose preto dos 80 millóns de euros. Respecto dos eidos onde se rexistrou meirande crecemento, foi sobre todo no ámbito das partidas de investimento.
Respecto do talento e a captación e retención do mesmo, Argerey sinalou que se lle dará continuidade aos programas Oportunius e Principia, con 3,4 millóns de euros, “aos que se engadirá unha liña para facilitar a contratación de persoal investigador sénior por parte de centros de coñecemento e empresas, cun orzamento dun millón de euros”.
No que atinxe á transferencia tecnolóxica, prolongarase e reforzarase o programa Ignicia, con 2,5 millóns de euros, co obxectivo de “impulsar entre 7 e 10 novos proxectos de proba de concepto que acheguen a investigación galega ao mercado”. Ademais, activarase unha convocatoria para o fortalecemento dos centros tecnolóxicos galegos para apoiar a dotación e actualización de equipamento actualizado e diferencial, que permitirá mobilizar 13 millóns de euros.
Respecto da cultura da innovación nas PEME, manterase o programa Innova PEME e lanzaranse dous novos programas: o Reacciona Innovación (en colaboración co IGAPE e destinado ás firmas que queiran orientar o seu camiño cara á innovación e para que teñan acceso a servizos especializados) e un programa de impulso do deseño como factor facilitador da innovación, “que conecta a empresa co mercado cun enfoque de innovación non tecnolóxica”.
Así mesmo, lanzarase a cuarta convocatoria do Conecta PEME, con 25 millóns de euros, coa finalidade de “desenvolver proxectos innovadores en cooperación”. Por outra banda, no marco do polo tecnolóxico e industrial de vehículos non tripulados de Rozas (que conta con 9 millóns de euros consignados no orzamento do vindeiro ano), Argerey explicou que se vai pór en marcha un programa de aceleración de proxectos aeroespaciais “para que emprendedores de todo o mundo poidan validar as súas solucións e xerar actividade económica”. A aceleradora, que contará coa colaboración de Indra e Babcock, busca apoiar 15 start-ups. Tamén está prevista a incorporación dun espazo de coworking e viveiro de empresas en Lugo, nas instalacións do antigo hospital.
Do mesmo xeito, tamén se dará continuidade ao programa de I+D+i da Civil UAVs Initiative, que segundo fixo saber a directora de GAIN, “está a xerar 170 empregos altamente cualificados, tanto en Indra como en Babcock como nas 17 PEME e centros tecnolóxicos galegos que están subcontratados até o de agora”.

PUBLICIDADE