GAIN amplía a oferta de servizos do programa Oportunius

mércores, 19 de marzo do 2025 S. P.

A Axencia Galega de Innovación (GAIN) celebrou este 19 de marzo a primeira xornada do obradoiro Train the trainers: Programa de apoio á preparación de propostas ao ERC, organizado no marco do programa Oportunius. O obxectivo desta formación é “dotar a xestores de proxectos europeos dos centros de investigación e universidades da visión, as ferramentas e as estratexias necesarias para asesorar ao persoal investigador na preparación de propostas gañadoras”.
A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, inaugurou esta cita, onde destacou o impacto que este curso terá no fortalecemento das capacidades de asesoramento e acompañamento e na mellora do seguimento aos candidatos que reciben os servizos de Oportunius, o que incrementará as súas posibilidades de éxito nesta convocatoria altamente competitiva.
Este taller compleméntase con outra formación dirixida ao persoal investigador vinculado ás tres universidades públicas galegas, ao CSIC e aos institutos de investigación sanitaria. Esta actividade, orientada a familiarizar a potenciais candidatos coas convocatorias do European Research Council (ERC) e a dotalos de competencias estratéxicas necesarias para preparar propostas gañadoras, contou coa participación de Manuel Souto, investigador Oportunius adscrito ao CiQUS, da Universidade de Santiago de Compostela.
Ambas formacións contaron cunha ampla representación de persoal investigador e de xestión das tres universidades galegas, e da práctica totalidade dos seus campus, así como dos principais centros de investigación pertencentes á Rede CIGUS, que agrupa os centros de investigación universitaria excelente.
A directora explicou que visto “o éxito desta convocatoria”, na que o número de inscricións case triplicou o número de prazas dispoñíbeis, realizarase unha nova edición desta actividade en datas vindeiras.
O programa Oportunius é unha iniciativa promovida por GAIN coa colaboración do Sistema Universitario Gallego (SUG), o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e os organismos de investigación de Galicia, que busca xerar oportunidades para persoal investigador excelente que queira desenvolver a súa carreira científica en Galicia reforzando as opcións de acceso e os beneficios asociados ás axudas do Consello Europeo de Investigación (ERC).
Oportunius, que xa leva 10 anos en marcha, apoiou a 34 investigadores que lideran 42 proxectos en universidades e centros de investigación galegos. Deles, 20 están directamente contratados como persoal investigador distinguido pola Axencia Galega de Innovación ao amparo do programa. Ademais, 27 persoas que lograron quedar finalistas nas convocatorias do ERC recibiron apoio económico e asesoramento, e desenvolvéronse 26 actividades de formación para candidatos.
En canto ao impacto das axudas do ERC neste período, captáronse 30 millóns de euros en proxectos adicionais –que se suman aos 60 millóns correspondentes aos proxectos ERC-, e publicáronse máis de 1.900 artigos científicos, oito de cada dez en revistas de máximo impacto.