GAIN apoia 63 pemes e microempresas a través dos Bonos de Innovación
xoves, 24 de agosto do 2023
A
directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey,
fixo un novo repaso das posibilidades que abren os Bonos de
Innovación 2023, que están a apoiar, neste intre, un total de 63
pemes e microempresas para dar os seus primeiros pasos en materia de
transformación e renovación. Lembrou que un 42% das achegas son
para entidades que acceden por primeira vez a instrumentos de apoio
da Axencia Galega de Innovación e 26 entidades localízanse en
Concellos Emprendedores.
Estes
datos foron achegados durante unha visita (este xoves 24 de agosto
pola mañá), á se da Panificadora Santa Cruz, que acaba de
recibir un Bono de Innovación por importe de 35.000 euros para
realizar distintas actuacións encamiñadas a mellorar os procesos
produtivos.
Deste
xeito, a firma agarda conseguir, coa colaboración de Teamandtime
Solutions Ingeniería de Organización, unha mellora na súa
capacidade produtiva, unha redución do seu consumo enerxético e de
materias primas, así como mellorar a súa sustentabilidade.
A
directora de GAIN destacou que o obxectivo deste programa impulsado
polo Goberno autonómico é “apoiar especialmente aquelas empresas
que incorporan por primeira vez a innovación na súa estratexia e
facilitar as actuacións que leven a cabo, a través da contratación
de servizos externos de axentes de innovación para conseguir unha
mellora da súa competitividade”. Ademais, dixo, “Panificadora
Santa Cruz está situada nun concello emprendedor, Oleiros, un dos
criterios que se incorporaron na convocatoria deste ano para valorar
as solicitudes”.
Bonos
de innovación 2023
A
Consellería de Economía, Industria e Innovación acaba de resolver
esta convocatoria a través da que apoia 63 pemes e microempresas
galegas para que dean os seus primeiros pasos na innovación, cunha
axuda total de case 861.000 euros e un investimento mobilizado total
de 1,27 millóns de euros.
Esta
convocatoria conta con dúas liñas de axuda: por unha banda, para
contratar servizos de apoio á innovación, como accións para
desenvolver novos produtos, procesos e servizos, nos que se inclúen
especialmente as accións de deseño; unha partida que abrangue un
77% das axudas. Por outra banda, os bonos tamén cobren os custos
derivados da tramitación de presentación de axudas de tipo
individual ou cooperativo ás convocatorias de I+D+i estatais,
europeas e internacionais (o que supón o 14% das axudas
solicitadas), así como a contratación de servizos de apoio para a
tramitación de incentivos fiscais á I+D+i e, como novidade desta
edición, para bonificacións da Seguridade Social por máis de 10
investigadores, que representan un 9% dos apoios.
En
canto ao perfil das empresas, un 48% dos bonos van destinados a
microempresas e autónomos, seguido dun 41% a pequenas empresas e o
11% restante a medianas. Por provincia, destaca Pontevedra co 39% dos
bonos concedidos, seguida da Coruña co 35%, Ourense co 17% e Lugo co
9%. Cómpre sinalar que un 42% dos bonos irán para entidades que
acceden por primeira vez a instrumentos de apoio da Xunta á I+D+i,
un total de 30 pemes, e que 26 das empresas beneficiarias están
localizadas en Concellos Emprendedores.
Na
primeira edición, concedéronse 73 bonos a 66 empresas, das que o
67% foi a primeira vez que obtiveron axudas da Axencia Galega de
Innovación. En total, a través das dúas edicións concedéronse
144 bonos a 129 pemes. Este programa complementa outras medidas
dirixidas a impulsar a innovación entre as pequenas e medianas
empresas como InnovaPeme e DeseñaPeme, que se resolverán en datas
vindeiras.