GAIN apoia a creación de tres novas UMI centradas na transformación intelixente do motor

luns, 3 de agosto do 2020 S. P.

Patricia Argerey, directora da Axencia Galega de Innovación

A Axencia Galega de Innovación (GAIN) vén de resolver as convocatorias de axudas para a posta en marcha de novas Unidades Mixtas de Investigación (un total de tres) e para a consolidación de catro xa existentes. Con estas dúas resolucións da sexta edición deste programa acádase xa a cifra de 46 unidades creadas dende 2014, que mobilizan máis de 130 millóns de euros entre contribucións empresariais, do organismo de investigación e da Administración, cun apoio por parte da Xunta de máis de 39 millóns de euros.
As tres novas UMI devanditas están focalizadas no sector do motor e aliñadas cos obxectivos e prioridades do reto 2 da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3 Galicia), que procura un novo modelo industrial sustentado na competitividade e o coñecemento.
As UMI creadas son: a constituída polo Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia (CTAG) e a empresa Borgwarner para desenvolver o proxecto G-Test: Novos sistemas de xestión térmica para a mobilidade sostible; a formada polo CTAG e o Grupo Antolín Ingeniería para executar o proxecto InSAI: Tecnoloxías para a monitoraxe intelixente do interior do vehículo; e, por último, a creada polo centro tecnolóxico AIMEN e GKN Driveline Vigo para desenvolver a iniciativa F4ctoría: Intelixencia Artificial aplicada á fabricación avanzada de compoñentes de transmisión. En total, GAIN apoia con máis de 2,5 millóns de euros a creación e o arrinque destas tres novas UMI para o período 2020-2023, que xerarán un investimento público-privado de máis de 8 millóns de euros e nas que participarán máis de 68 persoas no desenvolvemento de forma conxunta e coordinada de actividades de I+D+i por parte de organismos de investigación galegos e empresas.
En canto á consolidación de unidades xa creadas con anterioridade, GAIN apoia a continuidade de catro UMI nos sectores TIC, aeronáutica, enerxía e alimentación para o período 2020-2023. En concreto trátase das constituídas polo Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia, Gradiant, e Telefónica para a continuidade do proxecto IRMAS: Information right management advanced systems; a formada polo Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) e Star Defence Logistics para desenvolver FASTFLY 2035: Full autonomus systems for UAS; a formada por Energylab e a empresa Naturgy para consolidar a Unidade Mixta de Gas Natural; e, por último, a constituída polo centro tecnolóxico ANFACO-CECOPESCA e EMENASA para executar o proxecto FFF4P: Future Food Factory 4P.
GAIN achega preto de 2,3 millóns de euros á consolidación destas tres UMI, que mobilizarán máis de 7,6 millóns de euros e nas que participarán 50 persoas.

PUBLICIDADE