GAIN celebra o 23 de xullo o segundo encontro do ciclo sobre tecnoloxías na era postCOVID

xoves, 9 de xullo do 2020 S. P.

A Axencia Galega de Innovación (GAIN) vai organizar o 23 de xullo o segundo encontro do ciclo A era postCOVID: redeseñar o mundo, ao que están convidados todos os axentes do ecosistema do deseño galego. Baixo o título Deseño, ciencia e tecnoloxía, o obxectivo é explorar “as sinerxías que presentan estes tres eixos no novo contexto aberto polo do coronavirus, marcado pola incertidume e polos novos retos e necesidades”, sinala GAIN, engadindo que con esta segunda entrega complétase a reflexión iniciada no primeiro encontro do ciclo, no que se avaliou a relación entre deseño, empresa e sociedade.
Este evento, que se desenvolverá en a partir das 10:30 e ao longo de 90 minutos, forma parte do ciclo de catro encontros virtuais do Programa de Deseño para a Innovación da Xunta de Galicia para analizar o papel desta disciplina no escenario de futuro a través da visión de recoñecidos profesionais galegos que desenvolven a súa actividade en Galicia, o resto de España e outros países.
Os expertos de referencia que compartirán a súa visión cos participantes son o artista Rubén Ramos Balsa, residente en Singapur e fundador da empresa tecnolóxica Mismos; Noemí Cortizas, afincada en Francia e especializada no deseño de produto, materiais, acabados e cores na compañía Roctool; e Anxo López, experto na función estratéxica do deseño e líder desta división no BBVA.

PUBLICIDADE