GAIN colabora con Utingal nun proxecto para aproveitar os refugallos da industria aeronáutica
luns, 10 de xaneiro do 2022
A
axencia
autonómica GAIN vai colaborar con Utingal nun innovador proxecto
para introducir a máxima sustentabilidade na tecnoloxía
aeronáutica, buscando dar unha segunda vida aos refugallos
xerados. Concretamente, traballarán de xeito conxunto no
desenvolvemento da que sería a primeira solución integral de
reciclaxe de poliamidas para o seu aproveitamento en tecnoloxías
avanzadas como por exemplo impresión 3D. Trátase dun dos 11
proxectos apoiados a través do programa Conecta Hubs aos que a
Axencia Galega de Innovación destina un total de 6,4 millóns de
euros.
O
proxecto chámase Replay e conta co apoio de Airbus. Xunto con
Utingal, participan nel outras catro empresas para dar resposta ás
tres grandes áreas da proposta: química, mecánica e de
automatización e control. Ademais, colaboran o Centro Tecnolóxico
de Investigación Multisectorial (CETIM) e a Universidade de Vigo,
que achegarán as súas capacidades de investigación.
Nunha
visita recente ás instalacións de Utingal en Tui, a directora de
GAIN, Patricia Argerey, destacou a “ampla experiencia” desta
empresa no ámbito aeronáutico e mecánico; así como o apoio que
lle vai prestar a firma Moveratus para a programación e
automatización de procesos de fabricación, e MSS Seidor, no deseño
dun software para optimizar o aproveitamento da materia prima. Tamén
colaboran Enso Innovation e Ecoplas Barbanza.
Cun
orzamento total de case 700.000 euros, que a Xunta apoia con máis de
410.000, Argerey salientou o potencial do proxecto para estenderse no
mercado e achegar vantaxes para calquera ámbito da industria
plástica. Ademais, dixo, “o desenvolvemento dun novo material
permitirá novos usos para un subproduto que contribúe a un proceso
de economía circular”.
Conecta
Hubs
O
programa Conecta Hubs é unha iniciativa co-financiada polo Fondo
Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do Programa
Operativo FEDER Galicia 2014-2020 e orientada a promover accións
colaborativas desenvolvidas por agrupacións de empresas nas áreas
de especialización dos hubs de innovación dixital
estratéxicos para a Comunidade e apoiados polo Goberno galego
(Dihgigal e DATAlife).
Estas
axudas da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía,
Empresa e Innovación, dirixidas especialmente a pemes, mobilizarán
un total de 9,8 millóns de euros, ao sumar a estes apoios
autonómicos 3,4 millóns de financiamento privado. Ademais,
foméntase a xeración e consolidación de emprego de alta
cualificación, xa que na súa execución participarán 220
profesionais das TIC e expertos en innovación e dixitalización.